Entre os días 14 e 19 do pasado mes de abril, as alumnas e alumnos de 2º e 3º da ESO do CPI de Xanceda puidemos gozar dunha viaxe de seis días á capital e cidade máis poboada da República de Irlanda, Dublín. Velaquí unha síntese destes días por terras irlandesas…
Por: Adriana García Cruz
Día 1 – Domingo 14
O día da saída, tiñamos que estar no aeroporto ás 15:30 para facturar e pasar o control de seguridade. Todo saiu segundo o esperado, fixemos o embarque e, despois dunha viaxe de dúas horas e media de duración, ás 19:30h chegamos ao noso destino. Dende o aeroporto, desprazámonos ao centro e logo andamos coas nosas maletas polas rúas dublinesas até chegar a nosa residencia,”Leevin Hostel”. Déronnos unha pulseira co nome da mesma para así identificarnos, dixéronnos os horarios semanais da escola á que iamos asistir, asináronnos os cuartos e mostráronnos a distribución do edificio.
Día 2 – Luns 15
7:45, hora de erguerse. Ás 8:40h tiñamos que baixar almorzar e así o fixemos. Decidimos que a nosa bebida favorita era o hot chocolate and cappuccino. Saímos cara a escola, “Delfin English School”, a iso das 9:30 e chegamos en media hora. A nosa teacher chamábase Lara e, se falabas español, mandábache facer push-ups (flexións). A pesar deste inconveniente, era moi boa con nós. Ás 11:30 tiñamos break, e fomos á canteen (cantina) para comer algo e descansar ata as 11:45h. Volvemos á clase ata as 13:00h. Unha vez fóra das aulas e despois de xantar, fixemos turismo pola cidade. Fomos en autobús, un autobús con segundo piso convertíbel. Ademais, para aproveitar ao máximo a experiencia, déronnos uns cascos; de tal forma que, durante o traxecto, recibimos explicacións sobre os edificios, monumentos, etc., máis emblemáticos da cidade, como a catedral de San Patricio e o Spire of Dublín.
Día 3 – Martes 16
Levantámonos á mesma hora do día anterior, almorzamos hot chocolate cunha enorme cookie. Despois fomos á escola e realizamos diversas actividades que nos resultaron moi amenas. A primeira foi achegarnos a descubrir os misterios sobre o “Garden of Remembrance”, un fermoso parque en memoria daqueles que faleceron no intento de lograr a independencia de Irlanda. Posteriormente, dirixímonos ao “Trinity College”, o único college que constitúe a Universidade de Dublín. Malia que non tivemos a oportunidade de entrar nin de visitar a súa inmensa biblioteca, os edificios que conforman o campus universitario parecéronnos dunha gran beleza. Despois fomos a un Starbucks e, seguidamente, xantamos. Ao rematar, fomos ao “Stephen’s Green Shopping Centre”, situado nunha das rúas comerciais máis importantes da cidade, no que tivemos unha hora libre para mercar recordos e/ou agasallos. As tendas pechaban cedo para as nosas costumes, sobre as 18:00h, polo que dispoñiamos de pouco tempo e non podiamos alongar demasiado as compras. Logo paseamos pola rúa máis famosa da zona, “Henry Street”, na que hai máis de duascentas tendas, moitas delas de luxo. Este día foi moi axitado e estabamos moi cansas e cansos; así que ceamos e durmimos cedo.
Día 4 – Miércoles 17
Despois de erguernos e almorzar, como de costume, acudimos ao colexio, mais era un día especial: tiñamos excursión á “Hugh Lane Gallery”, a primeira galería municipal de arte moderno de Irlanda. Nesta puidemos ver o famoso legado do seu creador, Hugh Lane, e tamén obras de Manet, Monet, Degas, Renoir… Con todo, o que nos resultou máis asombroso do museo foi a simulación do estudo de Francis Bacon en Londres. Nesta sala contáronnos sobre a vida, experiencias e obra do artista irlandés máis internacional. Quedamos moi impactadas e impactados ao coñecer ás condicións nas que se atopaba o seu estudo: unha cama, un gran sofá tapizado de veludo, unha mesa de pino chea de libros e cartas, un elegante retrete, un espello e, o máis chamativo, unha incrible cantidade de lixo ocupando todo o chan. O pintor non só convivía coa desorde e a sucidade, senón que chegou a sentirse incapaz de crear lonxe deste caos que habitaba.
Unha vez finalizada esta visita, comemos, fomos a outro centro comercial e rematamos a xornada indo mercar os billetes para a excursión que realizaríamos ao día seguinte…
Día 5 – Xoves 18
Penúltimo día na cidade! Unha vez rematada a rutina coa que dabamos comezo aos días, marchamos cara a escola. Ese día tocou turismo polos arredores da residencia e da escola. Visitamos o “National Museum of Archaeology” e resultou moi entretido, pois realizamos unha busca do tesouro. Seguindo o fío das pistas, tivemos que atopar algúns obxectos agochados alí. Fixémolo xenial. Logo visitamos cafés e restaurantes famosos como “Hard Rock Cafe”. Sobre as 16:00h comezamos unha travesía en barco turístico polo río Liffey, que atravesa Dublín. Con nós ía un guía que nos explicaba, en inglés, datos de importancia e curiosidades sobre os monumentos que viamos. Por exemplo, o barco-museo de Jeanie Johnston, atracado na Custom House Quay. Trátase dunha reprodución exacta dun veleiro do século XIX, un espazo dedicado aos exploradores do Océano Atlántico daquela época. Para poñer fin ao día, ceamos nun restaurante cunha decoración espectacular onde se tiña que pagar ata polo servizo do persoal que te atendía. Había pratos especiais, como unha hamburguesa cunha bengala incorporada. Unha de nós pediuna e fixemos a broma de finxir que estaba de aniversario. Entón todas as persoas do local cantaron “Happy Birthday” e foi moi gracioso! Gustounos moito a experiencia e pagamos arredor duns 20€ cada un de nós.
Día 6 – Venres 19
Último día! Estabamos realmente esgotadas/os e era o día de emprender a viaxe de volta. Despois do almorzo, sacamos as maletas dos nosos cuartos e deixámolas todas nunha sala común, para así ter todo preparado ao regreso da escola. Como era o último día, fixemos actividades en equipo e buscas do tesouro por todo o edificio escolar. Por exemplo, tivemos que atopar a vestimenta da mascota do colexio e outros obxectos representativos do mesmo. Ao rematar, fomos xantar a un McDonald’s. Xa co bandullo cheo, fomos ao famoso “St Stephen’s Green Park”, un parque público situado no centro da cidade. Nel vimos esquíos, parrulos, cisnes… e, aínda que o tempo non acompañaba demasiado, fixemos xogos grupais para ir coñecendo as diferentes zonas do mesmo. Unhas horas despois, voltamos á residencia, collemos as nosas pertenencias, dixemos goodbye á cidade e encamiñámonos ao aeroporto.
Dende logo, unha viaxe memorábel, voltamos?