Eu ó teu país fun brillar / e soltáchesme a noite para que me trabase (Lucía Aldao)

Alumnado da ESO visita a cidade de Santiago de Compostela

O día 20 de marzo o alumnado de 1º, 2º e 4º de ESO do CPI de Xanceda visitamos Santiago para coñecer a historia da cidade e a catedral

Por: David Pérez

Alumnado de 1º de ESO nas cubertas da catedral de Santiago.

A visita dividiuse en tres partes: na primeira percorremos as rúas máis coñecidas de Santiago; na segunda, coñecemos as cubertas da catedral e, por último, vistamos o seu interior.

Durante a visita á cidade de Santiago, realizamos unha andaina polas rúas do casco histórico, acompañada dunha explicación da profesora de Historia sobre a arquitectura de diversos edificios, así como a historia dalgunha rúa moi coñecida, por exemplo, a Rúa Nova. Tamén nos detivemos nalgunhas casas destacadas, que na súa fachada contiñan escudos que indicaban a que estamento pertencían; por exemplo, as casas do clero conteñen nos seus escudos uns cordóns que son propios das vestimentas dos clérigos.

Posteriormente, coñecemos as cubertas da catedral de Santiago. Na entrada, polo Pazo de Xelmírez, déronnos uns auriculares para que puidésemos escoitar a guía. Dende as cubertas, mostráronnos o patio interior no que antigamente se lavaban os peregrinos e tamén puidemos contemplar a Praza de Praterías, na que se encontra unha casa telón que servía para evitar que se visen as vivendas desordenadas. Ademais, mostráronos o reloxo da catedral e permitíronnos asomarnos a unhas ventás a través das cales se podía ver o interior do templo.

Ao mediodía, comemos na alameda de Santiago e despois demos un paseo para volver á catedral, onde visitamos o seu interior e nel o sepulcro do Apóstolo Santiago. Por último, vimos o Pórtico da Gloria, de estilo románico, que foi restaurado no 2018.

Alumnado de 1º, 2º e 4º de ESO na alameda de Santiago de Compostela.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *