A saída didáctica incluíu a visita a algúns lugares de interese, como o Museo Provincial ou o Vello Cárcere de Lugo. Ademais, o alumnado dos dous centros levou a cabo un percorrido polo adarve da muralla romana .

Por: Javier López, Sara Martínez e Miguel Pernas
O pasado martes 7 de marzo, os departamentos de Lingua Castelá e Lingua Galega do CPI de Xanceda organizaron unha saída didáctica a Lugo para o alumnado de 3º e 4º de ESO. O grupo partiu do colexio ás 9.30, a onde regresaron ás 19.15.
A primeira visita foi ao Museo Provincial de Lugo, onde o alumnado de Xanceda non estivo só, xa que os acompañaron alumnos e alumnas do IES Cosme López, da Rúa de Valdeorras. Unha vez dentro, o grupo de Xanceda participou nun roteiro literario, para o que tiveron que completar un cuestionario sobre un libro, que previamente tiñan que ter lido, e buscar unha serie de pistas por todo o museo. Foi unha boa maneira de aprender de forma interactiva e diferente, o que xeralmente gusta máis ao alumnado.

Ao saír do museo, dirixíronse inmediatamente ao Vello Cárcere, un edificio con máis de 130 anos de historia que unha guía moi amable lles explicou con detalle; ademais, contoulles breves anécdotas e comentou cada un dos apartados que compón ese espazo, que foi un centro de represión no franquismo e hoxe é un museo e centro cultural. Ao rematar a explicación, os visitantes fixeron un percorrido libremente, para ver con máis profundidade todo o recinto.

Unha vez acabada a visita ao cárcere, o alumnado dos dous centros de ensino percorreron un anaco da gran muralla romana de Lugo, recoñecida como Patrimonio da Humanidade pola UNESCO no ano 2000. Esta fortificación construíuse hai 1700 anos, e é a única no mundo que conserva intacta a parede que defendía a cidade. As rapazas e rapaces tiveron o privilexio de sentirse como gardas romanos, xa que estiveron paseando tranquilamente pola cima da muralla. Permaneceron alí ata as 14.30, hora á que subiron aos autobuses para dirixirse ao centro comercial As Termas, onde comerían antes de continuar coas actividades previstas.

Despois de comer, ás 16:30, todo o grupo se dirixiu ao Auditorio Municipal Gustavo Freire. Alí, ás 17:00 serían testemuñas da representación de “El Persa”, unha comedia escrita polo autor latino Plauto, que viviu entre os séculos III e II a.C, e representada pola compañía de teatro “El Ruiseñor”. A obra estaba incluída no Festival de Teatro Grecolatino, que anualmente organiza a Sociedade Española de Estudos Clásicos para un público composto por grupos escolares procedentes de toda Galicia.

Coa asistencia ao teatro, rematou a xornada na cidade das murallas e emprendeuse o regreso á casa.