O pasado 9 de decembro visitamos a feira de Curtis e comprobamos como as feiras continúan a ser un encontro comercial e social de relevancia no noso rural. Ademais, puidemos falar con Francisco Mariño Sanmartín, tratante de gando nado neste Concello, que nos aportou información moi valiosa sobre a historia das feiras.
Por: Adriana García Cruz, Sara Sanjurjo Bra, Xoel Sánchez Rodríguez.
As feiras son reunións públicas destinadas ao intercambio ou á compravenda de produtos, que resisten na actualidade e que estiveron na base do desenvolvemento e consolidación dalgunhas vilas galegas durante o século XIX e comezos do XX. Así foi o caso dunha vila da nosa contorna, Curtis, que acolleu as feiras máis importantes da comarca durante décadas. Estas continúan a celebrarse os días 9 e 23 de cada mes, tras case 130 anos de existencia. Por estas razóns, quixemos coñecer máis a súa longa tradición e achegámonos o pasado 9 de decembro a Curtis.
Velaquí a nosa pequena viaxe á orixe das nosas feiras.
No Arquivo Histórico Provincial de Lugo consérvase un documento memorial de 1798 que nos ofrece datos sobre o número de mercados semanais, feiras mensuais e feiras anuais que se celebraban en Galicia por esas datas. Isto permítenos saber que en Betanzos, A Coruña e Santiago había, respectivamente, 29, 9 e 87 feiras mensuais a finais do século XVIII. O número de habitantes das localidades que acollían estas reunións evidencia o seu carácter maioritariamente rural.
Un século máis tarde, no mes de abril de 1894, na Casa Consistorial de Curtis, o concelleiro Gregorio Espantoso presentou á corporación a proposta de creación dunha feira pública de gando de todas as clases e artigos de primeira necesidade, pois a existencia da estación de ferrocarril facilitaría as vías de comunicación para a chegada e saída de animais e produtos. Desta forma, por estas datas acordouse a súa celebración os días 9 e 23 de cada mes.
Durante o século XX, a importancia destas feiras chegou a ser tal que nun artigo de agosto de 1957 de “La Voz de Galicia” podemos ler: “Ás feiras de Curtis fan un servizo regular 64 ómnibus e dez camións procedentes da Coruña, Lugo, Betanzos, Cesuras, Aranga, Boimorto, Ordes, Mesía, Corredoiras, Présaras, Santiago, Gonzar, O Marquiño, Melide, Ferrol, Arzúa… e os propios da vila.”
Aos miles de quilos de queixo que saían da feira de Curtis, había que engadir a exportación de gando. Cada quince días, decenas de vagóns de Renfe enchíanse de becerros para Madrid e Barcelona e de cabalos e mulas con destino aos campos de Castela, onde se empregaban para arar os campos de trigo, entre outras cousas.
Sobre estas cuestións falamos con Francisco Mariño Sanmartín, tratante con máis de sesenta anos de experiencia no ámbito das feiras.
- Con máis de cen anos de tradición, as feiras de Curtis son xa referente na comarca e na provincia. En que ano empezou a vir?
Empecei coa túa idade máis ou menos, con catorce anos. Levo vindo aquí toda a vida, e teño a patente dende os dezaoito anos. Con oitenta aínda a conservo.
- Que quere dicir iso da patente?
A patente é que estou autorizado como tratante para poder comprar e vender gando. Agora estou prexubilado, pero aínda hoxe acabo de facer unha venda. Teño aquí a factura e máis o talón que vos podo ensinar. (Amósanos o talón co que cobrou o animal e no que figura a cantidade de 1760 euros.)
O animal vai para sacrificar. Lévano para Salamanca. Aquí vén xente de matadoiros de Salamanca, de Barcelona…
- Entón ese cabalo vai ser sacrificado?
Si, para comer.
- Volvendo á súa historia, como se iniciou tan novo no tratado de gando?
Eu son dos Mariño, e os Mariño foron uns dos tratantes máis nomeados que houbo nesta comarca. Eran tratantes de mulas e as mulas tiñan moita saída. Comprábanse e levábanse para as norias para León, para Castela.
- Para as norias?
Si, as norias eran máquinas de tracción animal para sacar a auga dos pozos. En Castela utilizábanse moito. Vós pensade que antes da maquinaria moderna, antes dos tractores, as mulas eran moi importantes.
Apuntade este refrán, porque isto só o sabemos ben os de antigo: “A ruína dos tratantes é causa dos labradores, antes labraban con mulas, e agora labran con tractores.”
- Entón a súa familia dedicábase en exclusiva ao comercio coas mulas?
Correcto. Nós aquí comprabamos as mulas aos labradores, aos que as criaban. Antes, estou falando de sesenta e setenta anos atrás, daba máis cartos unha mula que cinco vacas.
Despois de facernos cos animais na feira, marchabamos con eles para Castela e iamos vendendo de vila en vila. Empezabamos en Santo Domingo de la Calzada. Recordo que un primo meu de Dormeá que ía comigo, el era moi cantareiro, cantáballes aos que estaban segando: Castellanos, castellanos, tratadme bien a los gallegos, que os los mandamos blancos y nos los devolvéis negros. Era porque daquela ían moitos de aquí segar a Castela.
- O destino dese gando era unicamente Castela?
Non. Ía moito gando para Castela, pero tamén Extremadura, Barcelona… Os tratantes mercaban as mulas aquí e embarcábanse con elas nos vagóns do tren. Eu fun a Barcelona, acompañando as mulas, aos catorce anos. Fíxome miña nai un aval para poder ir, porque morreu meu pai e quedamos sete irmáns moi pequeniños. Para alá fun coidando as mulas para que non se nos deitasen e morresen na viaxe. Daquela botabamos sete días no tren para chegar. Durmiamos nun fachuco de palla sete homes xuntos. Ao chegar a Barcelona, baixabamos o gando e cada un levábao para o seu destino.
A primeira vez que fun, para que vexades que o mundo ensina máis ca cousa ningunha, miña nai coceume un lacón e fíxome unhas tortillas. A min parecíame que levaba moita comida e que iso nunca máis se acababa. Para alá comín e para aquí zuguei nos ósos porque xa se acabara o resto.
- Polo que nos conta, a estación de ferrocarril era determinante neste negocio, non si?
Para os tratantes, a estación de Curtis era a mellor que había na provincia da Coruña. Aquí viñan as mulas de Ordes, de Arzúa, de moitos sitios, a embarcar. Antigamente todas as casas da vila tiñan unha cuadra, porque vendían arrobas de herba aos que traían as mulas aquí os días 9 e 23. Unha arroba eran doce quilos de herba.
- Vostede sempre se dedicou a exportar mulas fóra de Galicia?
A miña familia exportaba mulas fóra de Galicia. Eu, ao principio, tamén. Co tempo, empecei a tratar con todo tipo de gando e a ir a moitísimos países a comprar. Trouxen vacas de Canadá e ata comín cos indios alá, en Montreal.
- Como se negociaba unha venda? Era habitual relear?
Si, releábase. Era un tira e afrouxa. O que máis tiraba e máis termaba, era o que máis levaba. Cando aínda había os reais, viñamos aquí e diciamos “canto queres por unha mula?”. Se che dicían “seis mil reais”, ías ti e dicías “douche catro mil“. O outro negábase e, ao final, dicías “vén aquí, dame a man e partimos a diferencia en cinco mil”. Dabámonos a man e trato pechado.
- E, na actualidade, segue sendo costume regatear o prezo do animal?
Non, agora é todo doutra maneira xa. Era mellor antes, porque antes diciamos unha palabra e esa palabra non se podía comer. Iso era unha escritura diante de cinco notarios. Dicíase: “o boi préndese polos cornos e o home pola palabra.“
- Ninguén se volvía atrás despois de ter aceptado un trato?
Non se podía volver atrás ninguén. De facelo, esa persoa non tiña máis con quen tratar.
- Polo que temos entendido, antigamente as feiras dividíanse na” feira dos homes” e a “feira das mulleres”. Que nos pode dicir sobre isto?
As mulleres dedicábanse a facer e vender queixos. Tamén a vender ovos e os animais pequenos: as galiñas, os coellos… Vouvos contar unha anécdota. Antigamente, cando eu era da vosa idade, poñíase o fielato no empalme e máis na estación, e non podías traer nada á feira que non tiveras declarado alí. Entón, un día veu unha parella de Cabrui. El traía ovos agochados, e ela, por outro lado, unha conexa. Colleron á pobre muller. Viña outro veciño de alá e díxolle: se me fas o favor, se ves a Ánxel dille que teña coidado, que a min lévanme presa pola conexa, e a el que non o prendan polos ghuevos.
- E que era iso do fielato?
Era coma unha aduana. Pasabas por alí e tiñas que declarar todo o que levabas e pagar segundo o que levaras.
- As mulleres que se encargaban da venda dos queixos tamén os elaboraban?
Eran labradoras e facíanos elas. Cada unha traía o que daba feito durante a quincena.
Como anécdota, a xente miráballe moito para as mans e as unllas ás queixeiras. Se lles vían as mans e as unllas porcas, xa non llelos compraban, porque sabían que os fixeran así.
- E quen compraba?
Compraban, sobre todo, persoas que tiñan tendas de comestibles nas cidades (A Coruña, Santiago…).
- Como facían estas compradoras para probar os queixos e elixir sen empezalos?
O queixo catábase coa punta da navalla. Sacábaselle unha lisca pola parte de abaixo, sen que se lle notara.
- Ademais da venda de animais e produtos comestibles, vendíase algo máis nas feiras?
Claro. Antes non era coma hoxe, que xa compras todo feito. Antes levaban a tea para facer a roupa. Aínda que había roupa a vender, a xente compraba teas e despois leváballas ao xastre ou á modista e facíanse os traxes ou pezas de vestir á medida. Tamén había cousas para a casa.
- Como era esa dimensión festiva das feiras?
Pois botabamos toda a tarde e toda a noite bailando e trouleando porque era unha festa moi grande. Viña xente de todos os sitios da comarca, non importaba que día da semana cadrara. Na Carballeira fritían e vendían peixe, sobre todo xurelos, que eran máis baratos. A xente compraba uns xurelos, unha bola de pan, unha botella de viño, e comían sete alí.
Ademais, había o “paseo das mozas”. Á tardiña, andaban as mozas todas de paseo pola rúa, á espera de que lles falase algún mozo xeitoso. Viñan de Cabrui, das Foucellas, de moitas aldeas… Deixaban os zocos agochados nunha silveira e poñían os zapatos para vir pasear por Curtis. Despois do paseo, entraban nos salóns de baile que había, o do señor Domingo e o do señor Enrique.
- Cales son os principais cambios que sinalaría entre as feiras deses anos e as actuais?
Cambiou todo. As feiras antes eran interminables. Ás catro da tarde había a mesma xente que ás doce do mediodía. As feiras comezaban ás 8 da mañá e duraban ata o outro día!
- Vinte e catro horas de feira?
Pola noite, en tódalas tabernas, polas rúas, nos salóns de baile, había moitísima xente. Era moi diferente. Agora ás catro da tarde cada un está xa na súa casa.