A lei educativa LOMLOE trae con ela moitos cambios a partir deste curso 2022/23. Estes repercuten nas materias, nas avaliacións e nos Programas de Diversificación Curricular.
POR: Sara Martínez Quindimil, Lucas Rodríguez Quindimil e Vítor Sánchez Mira.
A nova lei LOMLOE (Lei Orgánica de Modificación da LOE), que foi aprobada o 29 de decembro de 2020, afecta a todos os niveis de ensinanza excepto o universitario; porén, si afecta ao acceso á universidade. As que se expoñen a continuación son as modificacións máis destacadas que se producen na ESO (Educación Secundaria Obrigatroria).
No referente ás materias:
Desaparece a diferenza entre Matemáticas Académicas e Matemáticas Aplicadas en 3º da ESO, pero séguese mantendo en 4º da ESO. A materia de Tecnoloxía pasará a chamarse Tecnoloxía e Dixitalización.
Dende 1º a 3º da ESO as materias obrigatorias son: Bioloxía e Xeoloxía, Educación Física, Educación Plástica Visual e Audiovisual, Física e Química, Xeografía e Historia, Lingua Castelá e Literatura, Lingua Galega e Literatura, Lingua Estranxeira, Matemáticas, Música e Tecnoloxía e Dixitalización. As materias optativas nestes cursos son: Cultura Clásica, Segunda Lingua Estranxeira e Materia para o Desenvolvemento da Competencia Dixital. Ademais, nun destes cursos débese engadir unha nova materia obrigatoria: Valores Cívicos e Éticos.
Outro cambio no referente ás materias apréciase en 1º da ESO, curso no cal só se pode engadir unha materia ás que se cursan en 6º de Primaria, é dicir, se no curso inferior se estudaban dez materias, no superior só se cursarán once.
Tamén se nota este cambio en 4º da ESO, pois as materias obrigatorias son: Educación Física, Xeografía e Historia, Lingua Castelá e Literatura, Lingua Galega e Literatura, Lingua Estranxeira e Matemáticas. Ademais débense estudar tres materias optativas, as cales o mesmo centro poderá agrupar enfocándose nas diferentes modalidades cara ao Bacharelato ou a FP.
Os Programas de Diversificación Curricular:
O que antes chamabamos “PMAR” (Programa de Mellora da Aprendizaxe e Rendemento) volve chamarse “PDC” (Programas de Diversificación Curricular). Aquel alumnado que ao rematar 2º da ESO reúna as condicións para entrar neste programa poderá incorporarse ao mesmo, tras avaliación, se así o desexa e tamén o aproba a súa familia. Coa volta deste programa tamén se elimina o requisito de ter repetido un curso para poder acceder ao mesmo.
A avaliación:
Con esta nova lei, desaparece a norma que indicaba cales eran as materias necesarias para superar o curso, é dicir, anteriormente, non era posible pasar ao curso seguinte se se obtiña unha nota inferior a 5 puntos en dúas das materias seguintes: Lingua Galega e Literatura, Lingua Castelá e Literatura ou Matemáticas; agora, aínda que nalgunha delas se obteña unha nota insuficiente, a decisión de superar ou non o curso estará nas mans do profesorado.
A medida de repetición de curso só se pode aplicar unha vez en cada curso e dúas veces durante toda a etapa da ESO, excepto en 4º da ESO, no que se pode repetir un ano máis se é necesario. O alumnado con necesidades educativas especiais debe avaliarse segundo a súa adaptación curricular ou protocolo vixente.
Realizarase unha avaliación diagnóstica en 2º e 4º da ESO.
Ao finalizar esta etapa, todo o alumnado recibirá unha certificación académica oficial, na que constará o número de anos cursados e o nivel de adquisición das competencias da etapa. A mesma será tida en conta para procesos de acreditación.