Eu ó teu país fun brillar / e soltáchesme a noite para que me trabase (Lucía Aldao)

Dores Díaz Rifón, profesora do CPI de Xanceda: “Do CPI de Xanceda destacaría a relación de proximidade que se establece co alumnado e a tranquilidade que se respira no colexio.”

O alumnado de 4 ESO realiza unha entrevista moi persoal á que foi a súa profesora, Dores Díaz Rifón, durante o ensino secundario e revisan como xurdiu a idea do xornal dixital P (r) ensamos.

Gustaríanos revisar como xurdiu a idea de crear un xornal no colexio e como evolucionou esta publicación; así as persoas que nos lean coñecerán os inicios.

O xornal dixital P(r)ensamos xurdiu da idea dunha alumna, Alba, que me propuxo que fixésemos un xornal no colexio, en papel. A partir de aí, comezamos creando un grupo de redacción, formado por alumnado de diferentes cursos e, pouco a pouco, fomos perfilando os obxectivos que queriamos acadar. Para darlle forma ao proxecto, démonos conta que nos viría moi ben a colaboración dunha persoa especialista na materia e, así, contactamos con Moisés Álvarez, licenciado en Xornalismo, que supuxo unha axuda valiosísima para arrancarmos coa publicación, o que sucedeu en abril de 2022.

O máis importante deste traballo, desde o meu punto de vista, é que todo foi feito de maneira consensuada entre o alumnado participante. Como ben sabedes as que estabades no primeiro equipo de redacción, comezamos decidindo que tipo de medio queriamos crear e, por maioría escolleuse o formato de prensa dixital; a partir de aí, todo se foi decidindo por votación: o nome, o logo, as seccións, e tamén a liña editorial. Unha vez que saíu á luz, foi sempre o alumnado quen decidiu o que quería publicar e esforzáronse porque saíse ben. Tamén teño que destacar a colaboración da profesora Elena Vázquez, que se incorporou máis tarde ao proxecto e traballou arreo para que saísen algunhas das publicacións.

Como valoras ti o resultado do xornal?

O resultado, desde o meu punto de vista, foi moi satisfactorio, tanto polo feito de ser un traballo colaborativo como por todo o que fostes aprendendo no seu desenvolvemento: os diferentes contidos dos artigos que se publicaron, a redacción e corrección lingüística e, moi importante, o rigor na escolla das fontes de información, a selección de noticias descartando as falsas ou as non contrastadas, tamén o respecto polos dereitos de imaxe e propiedade intelectual e, en definitiva, os principios éticos que deben rexer o traballo xornalístico.

A todas nos gustaría saber cando empezaches a traballar como profesora?

Comecei a traballar como profesora de Ensino Secundario no curso 1993-94. Antes diso, impartira algúns cursos de galego para diferentes colectivos: funcionariado da administración, profesorado e persoal sanitario.

Por que decidiches ser profesora? E por que de galego? Que che fixo decantarte por esta profesión?

A verdade é que non o teño moi claro. Se cadra, influíu que a miña nai fose mestra; de nena, xogaba coas miñas irmás a darlles clase ás bonecas e, de feito, tres irmás miñas tamén optaron pola docencia á hora de escoller a súa profesión.

Cando estudei o bacharelato, sempre tiven claro que me gustaban a lingua e a literatura e, así, primeiro fixen os estudos de Filoloxía Hispánica e despois Filoloxía Galega, que foi á que me dediquei finalmente.

Aque outra profesión te adicarías se non foses profesora?

Ao longo da vida, teño pensado niso en moitas ocasións, e as opcións foron mudando. Hoxe diríavos que é posible que me gustase o xornalismo ou tamén a tradución.

Cal foi a túa peor experiencia dende que es profesora? E a mellor?

Non sabería dicir cal foi a peor experiencia, talvez sexa porque tento quedar cos mellores recordos de cada un dos centro polos que pasei. Desde logo, unha das peores foi a etapa da pandemia, co confinamento e a anómala volta ás aulas. A mellor experiencia… non sei, penso que foi nalgún momento en que apreciei que o alumnado se alegraba de aprender algo que eu lle puidese ensinar.

Que prefires, clases con moitos alumnos ou grupos pequenos?

Con pouco alumnado, sen ningunha dúbida. É máis, creo que é imposible que exista un ensino de calidade con aulas demasiado numerosas.

Entre que datas estiveches no CPI de Xanceda?

Cheguei no ano 2018 e funme no 2024. Foron seis cursos.

Como definirías a túa etapa en Xanceda?

Para min foi moi satisfactoria. Cando cheguei, era a primeira vez que traballaba nun CPI, que ten unhas dinámicas diferentes ás dun IES, e sorprendeume gratamente. Destacaría a relación de proximidade que se establece co alumnado, distribuído en grupos pequenos; a tranquilidade que se respira no colexio, con poucos problemas de convivencia; e a marabilla de me atopar cun alumnado 100% galegofalante.

Cal é o mellor recordo que gardas de Xanceda? (A que recordo lle tes máis cariño do tempo que estiveches con nós? )

Son moitos, non sabería dicir cal. A creación deste xornal é, sen dúbida, un deles.

Cal era a túa clase preferida?

Non me fagades isto! Se houbese algunha, non estaría nada ben que o dixese aquí.

Ao alumnado de ESO deste ano gustaríanos saber cal foi a túa primeira impresión candonos viches por primeira vez en 1º ESO.

A vós vinvos como un grupo moi dinámico, moi participativo, co que percibín desde o primeiro momento que se podía traballar ben. Ademais, e iso esténdoo ao resto do colexio, tiñades unha boa competencia en galego, como falantes, o que me facilitou moito o traballo desde o primeiro momento.

Que é o que máis botas de menos do noso colexio? Tamén queremos saber se nos botas de menos!?

Claro que vos boto de menos! Con algúns grupos, como o voso, estiven tres cursos seguidos; son moitas horas de convivencia, que crean uns vínculos especiais entre o alumnado e a profesora. Bótovos en falta a vós e ao profesorado, con quen pasei tamén moi bos momentos no colexio e botei moitas risas tomando cafés nos recreos nos bares de Xanceda.

Que foi o primeiro que pensaches e sentiches cando soubeches que ías cambiar de centro de ensino?

Foron sentimentos encontrados: por unha parte, deixaría de viaxar 80 quilómetros diarios e a miña calidade de vida melloraría nese sentido; por outra parte, sabía que ía para un centro urbano, moito máis numeroso e, polo tanto, máis complicado en moitos aspectos.

Impartes algunha materia diferente da de lingua galega e literatura?

Non, só imparto esa materia, e así estou moi ben.

Que che parece o ambiente do teu novo colexio? Como é o alumnado? E os compañeiros?

O instituto onde estou agora tamén me gusta. É bastante diferente ao voso colexio, sobre todo polo numeroso que é o alumnado. Teño grupos con preto de trinta, mentres que en Xanceda non pasaban da metade. En calquera caso, o centro creo que funciona ben e, respecto ao profesorado, hai, en xeral, unha actitude moi acolledora para quen chega de novo.

Sabemos que es unha gran lectora, que libro estás lendo actualmente?

Estes días estoume rindo moito cun libro da xornalista Nieves Concostrina, que se titula Acontece que no es poco, onde conta pasaxes da historia, nomeadamente de España, con moito humor e retranca.

Gustaríanos que volveses facernos unha visita ou á nosa graduación…..

A min tamén me gustaría visitarvos e que me contedes como vos vai e cales son os vosos plans para o próximo curso. Espero que vos esforcedes moito nestes próximos meses e que vos graduedes con moi boas notas. Ánimo, que xa falta pouco!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *