O pasado martes 28 de maio de 2024, o alumnado de 4º ESO do CPI de Xanceda iniciou unha viaxe de fin de curso a Mallorca, que tería unha duración de seis días, nos cales visitaron diferentes lugares da illa.
O grupo no aeroporto de Santiago
Por: Roi Pardo Rúa
O 28 de maio o grupo de 4º de ESO, acompañados pola profesora Patricia Fernández e o profesor José Luis Abal, partiron do aeroporto de Santiago con destino a Palma de Mallorca.
Chegaron ao seu destino a mediodía e o primeiro día aproveitárono para percorrer as rúas máis antigas desta fermosa cidade. Para aproveitar mellor o paseo, contaron cunha guía que lles explicou a historia dos monumentos e edificios icónicos dese lugar, algúns cunha historia que se remontaba moito tempo atrás. Un exemplo dos edificios máis relevantes é a Catedral de Mallorca, un fermoso monumento de estilo gótico levantino.
Catedral de Mallorca
No segundo día participaron dunha viaxe en catamarán a unha cala situada en Badía de Palma. Con saída dende o porto de Mallorca, a viaxe deulles a oportunidade de bañarse e gozar nas augas cristalinas da cala. O catamarán tamén contaba cun equipo de mergullo, que estaba dispoñible ao público, polo que os rapaces e rapazas puideron apreciar as vistas do fondo mariño nas augas turquesas da badía. Ao remate da excursión, o persoal do catamarán organizou no barco unha grellada, o que lle permitiu ao grupo xantar contemplando as preciosas imaxes que ofrecía o lugar.
Vistas do fondo mariño na Badía de Palma
Nos seguintes días puideron desfrutar das praias polas mañás, e na tarde do penúltimo día foron ao parque acuático chamado “Aqualand”. Este espazo conta con varias atraccións moi entretidas e cunha gran altura. Algúns exemplos delas son o “tornado”, que é como un embudo xigante, ou o “kamikaze”, un tobogán de 24 metros de altura.
O último día o grupo dirixiuse ás covas do Drach, unha preciosa obra natural onde o paso do tempo creou figuras como estalactitas e estalagmitas. Para rematar a xornada, gozaron dunha actuación de varios artístas que tocaron unha peza de música clásica con pianos e violíns.
Covas do Drach
Finalmente, o luns día 3 de xuño o grupo emprendeu a viaxe de regreso e aterraron no aeroporto de Santiago de Compostela á 1.00, onde esperaban as súas familias para levalos de volta á casa.