Eu ó teu país fun brillar / e soltáchesme a noite para que me trabase (Lucía Aldao)

Helen Roca: “Ese espíritu de superación que conseguín foi o que máis me marcou”

Helen Roca é unha ex-xogadora de rugby de 45 anos da Coruña. Campioa internacional 45 veces e europea 2 veces. Na actualidade, imparte actividades deportivas variadas, dende os máis cativos aos máis vellos, no Concello de Mesía.

Por Selma Blanco, Carme Roel, Martina Carro e Gloria Iglesias

Que te levou a ser deportista?

De pequena sempre me gustaba estar movéndome e xogando na praia ou no prado. Ademais, meus pais levábanme a facer moitas actividades deportivas, polo que, unha vez que me somerxín no mundo do deporte, puiden ir escollendo as modalidades que máis me gustaban e me chamaban a atención: practiquei natación, judo, tenis, fútbol sala, voleibol e rugby.

Segues xogando ao rugby?

Non sigo xogando, pero en ocasións fago adestramento. Comecei cando estaba na universidade e souben que había un equipo feminino, así que comecei a practicar.

Deste deporte atraíame o compañeirismo e o respecto que había entre os dous equipos rivais, o árbitro e o público. Ademais, é un deporte moi completo; hai que facer moitas cousas: patear o balón, tirarse ao chan, axudarlles aos demais…

Actualmente imparto actividades no concello de Mesía. Cheguei co obxectivo de que a xente teña hábitos deportivos e propuxen varias actividades, xa que só había dúas.

“O rugby gustoume sobre todo polo compañerismo e o respecto”

Que consello lles darías, coa túa experiencia, ás novas atletas que queren abrirse paso nesta modalidade de deporte?

Aconséllolles que proben, que vaian probar. A xente destas zonas é a que máis complicado o ten para poder velo: teñen que ir ás cidades. Así que, que vaian ver un adestramento, coma min, que ao final encantoume.

A min os deportes de equipo sempre me chamaron a atención e, o que máis, o rugby. Neste, a diferenza doutras disciplinas, ao rematar o partido os dous equipos e a árbitro imos tomar algo xuntas, non hai nada de “Ai, eu a esa non lle falo, que mira o que me fixo”. Eu gañei, traballei moito o respecto no campo, unha tolerancia que non vía noutros deportes e non tería aprendido.

É difícil saír do monopolio do fútbol?

Totalmente. En España somos analfabetos deportivamente, porque, en xeral, só pensamos nun deporte, é dicir, a xente está moi pechada á práctica e atención doutros deportes que non sexan o fútbol. A min o fútbol gústame, pero non o exemplo que nos dá: o ambiente tan pouco respectuoso ao seu redor, ese espectáculo por riba do deporte e que todo o márketing ao redor deste ámbito deriva no fútbol.

Polo feito de ser muller resulta máis complicado adicarse ao deporte, xa sabes, pola maternidade, a presión social, falta de financiamento para o deporte feminino… Ti notaches isto?

Por suposto, si. Vivimos nunha sociedade totalmente patriarcal, machista, que se enfoca en que temos que estar na casa e coidar os nenos ou maiores, e que nin se nos ocorra a nós, as mulleres, ir facer a nosa vida máis alá diso. Se imos xogar ao fútbol os domingos, como se iso non fose algo normal para nós tamén, mírannos mal, pero eh…, evidentemente “déixannos xogar”. Mirade que frase, só faltaba!.

Aínda queda moito por loitar; non hai igualdade, para nada. A nivel de federacións, por exemplo, a muller representa un 3 % de directivas e o resto son todos homes; entón, claro que se enfoca todo o deporte cara ao home.

Despois, se te queres adicar ao deporte feminino profesionalmente tes que retrasar a túa maternidade, como no meu caso: ata que deixei de xogar non puiden ser mamá. Hai algúns clubes que teñen unha cláusula na que, se quedas embarazada, adeus moi boas… Despois isto xa se conseguiu eliminar con avogados e xa non é así, aínda que eu sabía que despois de ser mamá habería unhas cousiñas que non me deixarían volver á elite.

A nivel económico, como vos comentaba, agora está conseguindo algo de diñeiro a profesionalización do fútbol de mulleres, por fin hai un acordo para que teñan un contrato; pero no resto de deportes á parte deste, nada.

É verdade que, co esforzo, agora o fútbol de mulleres estase empezando a ver moito máis ca antes, xa era hora.

Preguntas en curto

O lugar onde te sentes máis a gusto.

Na casa, cos papás.

Unha deportista que admiras.

Agora hai moitas referentes femininas, como Carolina Marín ou calquera desas que tedes en mente. Para min, calquera muller que consiga un éxito é importante. Pero eu sempre tiven a Michael Jordan dende que era un nena.

Un libro que todo o mundo debería ler.

A min gústame un que se chama “Sopa de pollo para el alma”. Son historias que che ensinan a mellorar como persoa.

Un cantante ou grupo de música.

Na miña xeración sempre foi Mecano, a súa música segue sendo unha marabilla, e agora Chenoa ou as cancións de festa.

Unha comida para comer antes dunha gran competición.

Pois hai que coidarse; entón, hidratos de carbono ou polo asado, á prancha.

Un equipo de rugby.

O C.R.A.T da Coruña.

Un soño que cumpriches.

Ser mamá.

Un reto pendente.

H: Non creas que teño moitos máis. Ser feliz, estar coa xente que quero estar o maior número de anos posibles e que esa xente teña saúde.

Unha calidade que admires en ti.

H: Mira que non é difícil, é máis fácil sacar os fallos. Ao mellor o carácter, no meu caso o carácter axudoume a tirar para arriba ante os problemas.

Unha persoa que che gustaría entrevistar.

Calquera deportista olímpica. Hai unha atleta en especial, Susana Gracio, que é unha atleta paralímpica cega coa que coincidin nalgunha charla. Fixo o ouro nos últimos xogos. É un exemplo de superación.

Unha festividade.

Pois… San Xoán, porque ao ser da Coruña as fogueiras sempre nos gustaron.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *