O día 9 de outubro de 2023, o profesor de Bioloxía, José Luis Abal Fabeiro, partiu de Santiago de Compostela con destino a Toronto, Canadá, para participar no programa PIALE, da Consellería de Educación da Xunta de Galicia.
Por: Leire García, Miriam López, Sara Pacheco e Hugo Suárez
Catro alumnas/o do 1º curso da ESO quixemos saber máis sobre esta experiencia, polo que aproveitamos o noso xornal dixital para realizar e dar a coñecer esta entrevista.
O programa PIALE oriéntase cara á mellora da competencia lingüística e comunicativa en lingua extranxeira do profesorado. Cando e por que tomaches a decisión de solicitar a túa participitación nel?
Tomei a decisión o curso pasado, porque foi cando se implantou a sección bilingüe de Bioloxía en 3º da ESO no noso centro.
O teu destino foi Canadá, este país foi unha escolla túa? De ser así, por que?
Non, non foi unha escolla miña. Hai tres vertentes: unha para os bilingües en inglés (Canadá), outra para os bilingües en francés (Francia) e outra para os bilingües en portugués (Portugal).
Hai algún tipo de requisito lingüístico para poder participar nel?
Si, tes que ter un nivel avanzado de inglés, que é un B2, e tamén hai que firmar un compromiso.
Temos entendido que o programa convoca prazas en diferentes modalidades, cal é a modalidade na que ti participaches?
Si, hai dúas modalidades. A miña foi a modalidade 1, de integración. Trátase dun itinerario formativo en tres fases diferentes.
E cales son as fases nas que se estruturou?
Estrutúrase nun total de tres fases. A fase A consistiu nun curso de inglés dunha semana de duración; a fase B na inmersión total en inglés nun centro escolar en Canadá e a fase C implica a difusión da experiencia adquirida. Agora debo entregar dous documentos: unha memoria do plan de difusión e unha proposta didáctica en inglés.
E cal foi o período que comprendeu a fase de inmersión lingüística en Canadá?
Pois este período comprendeu catro semanas.
Unha vez en Canadá, como foi a organización do profesorado?
Na nosa quenda fomos sobre corenta e dúas ou corenta e tres persoas, e fíxose un desdobre, por así dicilo. Todo o profesorado participante quedou dividido en dous grupos de vinte e pico persoas cada un. Non se sabe moi ben a que respondía esa organización, pero había dous grupos diferenciados e dúas empresas, que eran como escolas. Había unha empresa detrás, de intermediaria con escolas canadienses. Cada unha desas escolas de inglés en Canadá buscaba os centros nos que iamos estudar.
Cal foi o centro que se che asignou?
Kingston International School, un centro privado.
E onde estaba ubicado o centro?
Estaba ubicado en Toronto Street, no Downtown, que é o distrito financiero da cidade.
Cal era a túa xornada habitual?
A miña xornada de traballo era de mañá e comprendía unhas tres horas e media. O que facía era asistir e presenciar as clases de dúas materias: a de Bioloxía e a de Matemáticas.
Podes explicarnos, un pouco máis polo miúdo, en que consistiu o teu traballo alí?
A idea do programa era que o profesorado galego, que imparte diferentes materias, ou mesmo a materia de inglés, vira un pouco como é a organización, o traballo, a estrutura e o desenvolvemento dunha clase da súa materia en lingua inglesa. É dicir, ver un pouco como se facía ese traballo alí en Canadá, facer unha comparativa, tomar ideas…
Como eran os horarios do centro?
Moi parecidos aos nosos. Aquí en Xanceda temos un só recreo de media hora, pero hai centros en Galicia que teñen dous recreos, por exemplo, de vinte minutos cada un. Alí tamén era así. Entraban ás 8:45 e saían ás 14:15.
Quero engadir algo máis que me parece interesante. Aquí tedes as mesmas materias de setembro a xuño, sempre, non varían. En cambio, alí algunhas materias impártense por cuatrimestres. Isto é, tiñan Bioloxía de setembro a xaneiro ou a febreiro, catro meses. Despois comezaban a cursar outra materia.
Canto alumnado había en cada aula?
Eu estiven nunha escola privada e, polo que vin, había moi pouco alumnado. Hai que ter en conta que o prezo da matrícula era bastante elevado. O meu era un centro bastante particular, pequeniño. Observei a dous alumnos en Bioloxía e a catro en Matemáticas. Algúns dos meus compañeiros foron a escolas públicas e contaban que o número de alumnado era similar a aquí nun centro urbano: vinte e pico ou trinta persoas en cada clase.
Falas do prezo das matrículas. Canto custaban?
Non o sei con exactitude, pero unha compañeira díxome que roldaban os 12.000/14.000 dólares canadienses por curso.
E a que idades impartías clases?
Repito que eu asistía ás clases para observar, pero non as impartía. O nivel no que estaba corresponderíase con cuarto da ESO aquí. Alí chamábase “noveno grao”.
Entón había outro profesor na aula?
Efectivamente. Eu estaba alí en calidade de observador da forma de traballar e de impartir as materias por parte doutros profesores.
E atopaches grandes diferenzas entre o sistema educativo canadiense e o galego?
A nivel de currículo é bastante semellante; pero considero que aquí se imparten os contidos de cada curso dunha forma máis completa. Nese sentido temos, creo, maior nivel que o sistema canadiense, pero é un tema complexo e tería que falar máis polo miúdo. Os contidos e estruturas son bastante semellantes; só que aquí entramos a valorar e a explicar cousas máis concretas doutra forma. Segundo a miña experiencia, non estamos nada mal en comparación.
En canto ás normas, que nos podes dicir?
As normas eran moi similares ás de aquí. O que pasa é que alí o cumprimento das mesmas era un pouco máis laxo. Observei, e anotei no meu caderno de aula, que había alumnado que non viña á clase. En Bioloxía tiña dous alumnos e unha delas apenas apareceu no tempo que estiven alí. E se chegaban tarde, parecía que tampouco pasaba nada. Entón imaxinade como estaba eu de enfadado, porque ese é un comportamento que non permitimos aquí e alí estaba normalizado.
E xa fóra do centro, a que dedicabas o teu tempo libre?
Pois, aproveitando que xa estaba no centro de Toronto, polas tardes tomaba un café pola zona e logo facía turismo: vía os diferentes monumentos, museos… Tiñamos unha tarxeta que incluía todo o transporte público de Toronto (autobuses, metro e tranvía); entón podía moverme por toda a cidade sen custo, e aproveitaba para coñecer as diferentes zonas de Toronto. As fins de semana tamén aproveitaba para ver outras partes de Canadá.
Como é a cidade de Toronto?
Ten similitudes con calquera gran cidade europea (París, Londres). É unha cidade moi cosmopolita. E é moi americana en moitos sentidos. Por exemplo, o tipo de vehículos, pois hai moitas Pick Up, unhas camionetas grandes.
Toronto é o centro financieiro de Canadá, así que está repleta de rañaceos e grandes edificios de oficinas e centros de traballo. A poboación expándese por moitos km2 á redonda, en casas pequeniñas e rodeadas de natureza.
É importante ter en conta que na súa área metropolitana hai máis poboación que en Galicia, Asturias, Cantabria e País Vasco xuntas.
Dicías que visitaras outras partes de Canadá, que lugares visitaches fóra da cidade?
A primeira fin de semana alugamos uns coches e fomos cara o norte, dirección leste, ao Parque de Algonquin. Estivemos alí dúas noites e fomos visitar Montreal. A segunda fin de semana fomos ás Niagara Falls ou Cataratas do Niagara. E a última fin de semana fomos dirección oeste, a ver o Parque Natural de Killarney, que está en Ontario.
E como era a comida?
A comida é tipicamente anglosaxoa, é dicir, o prato forte é a cea. A comida faise entre as 12:00 e 13:00 e consiste moitas veces nun sándwich. A máis rara que me deron foi: un sándwich pequeno con crema de cacahuete, unha barra enerxética, unhas palomitas e unha froita.
O certo é que a comida é moi frouxa. Algunha xente come andando ou come moi pouco. O prato forte é a cea, que adoita ser entre as seis e as oito da tarde. Moito arroz con polo ou verduras, hamburguesas… Non hai unha dieta ou comida típica canadiense. Non comen especialmente ben.
Ti tiveches que pagar algo ou pagábache todo o programa?
O programa pagaba a estancia. Eu estaba na casa dunha señora canadiense e ela encargábase das comidas, tanto do almorzo coma do xantar e da cea. En canto ao transporte, como vos dicía antes, déronnos unha tarxeta para empregar en todos os transporte públicos de Canadá. E tamén nos pagaron un City Pass, unha tarxeta turística grazas á que puiden visitar, de xeito gratuito, a CN Tower, o Museo de Canada, a Casa Loma, o Museo de Ciencias…
Que foi o máis positivo da túa experiencia?
O máis positivo foi constatar que, ás veces, temos unha visión demasiado crítica ou negativa do noso traballo como profesorado en Galicia. Comprobei, en primeira persoa, que a calidade do sistema educativo nunha potencia mundial como é Canadá non é superior á do noso.
Entón volvín coa sensación de que facemos un bo traballo aquí, en España, e en Galicia en particular. Aínda que as comparacións sexan odiosas, esta experiencia permitiume facer a comparativa e a miña conclusión é que temos un bo nivel educativo.
E o máis negativo?
O máis negativo foi a falta de organización do programa. Ata este ano había unha empresa concesionaria que levaba o tema da organización do programa en Canadá, e este ano foi substituida por outra. Entón, dado que foi todo moi rápido, non tivo tempo para buscar solucións axeitadas en canto aos aloxamentos. Houbo xente con moitos problemas. Inclusive houbo xente que estivo agardando días a que se lle asignara un centro. No meu caso non foi así, pero si que o vin. Tamén botei en falta que o noso traballo se desenvolvera únicamente en escolas públicas.
Polo tanto, si que creo que hai que mellorar a organización do PIALE en Canadá.
Volverías repetir esta experiencia?
Si, quedaría un mes máis alí, polo menos. Gustoume o que vin, paseino moi ben tanto a nivel académico, como extraacadémico. Gustoume moito a natureza de Canadá e quedoume moito por ver. En definitiva, gustaríame repetir, aínda que creo que terei que esperar uns cantos anos para volver solicitalo.