Eu ó teu país fun brillar / e soltáchesme a noite para que me trabase (Lucía Aldao)

Lúa Mosquetera: “Coido que un bo artista debe estar sempre atento para aprender e inspirarse nos demais”

O pasado día 16 de decembro veu a escritora Lúa Mosquetera ao CPI de Xanceda para ofrecernos un recital de poesía e tivemos a oportunidade de entrevistala.

Lúa Mosquetera e Pablo Seijas no CPI de Xanceda

Por: Alba Fiaño e Jennifer López.

Cando comezaches a escribir ?

Comecei a escribir de nena, con só sete anos xa escribía contos e poemas no colexio. Gañei varios premios literarios de rapaza, mais logo deixei de lado a escritura. Retomeina con vinte e sete anos e decidín tomala moi en serio, para que se convertera na miña profesión.

Dos libros que ti escribiches cal é o teu favorito ?

Todos os libros que escribín parécenme moi especiais e importantes. Pero agora mesmo escollería a miña primeira novela, “¡Yo vivo!”.

Como nace esta novela que escribiches, como foi o paso da poesía a novela ?

O paso da poesía á novela foi complicado porque require un traballo moito máis constante e longo. Hai que darlle forma á idea durante moitos meses e é moi difícil ficar satisfeita. Mais coido que na miña novela hai moitísima poesía dalgún xeito, nunca me vou poder desprender dela.

Tes algún referente no que te inspires?

Teño referentes por todas partes! Coido que un bo artista debe estar sempre atento para aprender e inspirarse nos demais. Encántame o rap (con músicos como Tote King), a literatura (con escritoras como Andrea Abreu) e o cine (con directores como Gondry).

Cal é o xénero literario que máis che gusta ler?

O xénero que máis me gusta ler é, sen dúbida, a novela.

“Paso horas e horas metida dentro de todas as historias que caen nas miñas mans.”

Que che gusta facer no teu tempo libre ?

No meu tempo libre o que máis me gusta facer é ir ao cine e xogar cos meus sobriños.

Que poemario lle recomendarías a alguén que queira comezar a ler poesía?

A alguén que queira comezar a ler poesía recomendaríalle “Trementina”, do poeta Samuel Merino.

Tes pensado sacar algun libro máis?

Claro! Teño pensado sacar moitísimos libros máis!

“Escribir é apaixonante e liberador, mais compartilo coas demais é o que lle dá todo o senso.”

Escoitamos algunha vez que a túa poesía é unha poesía do cotián. Que implica iso para ti ?

A miña é unha poesía do cotián porque eu afirmo que a beleza total, a verdadeira, reside nas cousas máis pequenas: na túa nai facendo un café pola mañá, o teu pai fregando os pratos, o teu can correndo pola praia, a risa da túa compañeira de clase… iso é, sen lugar a dúbidas, a verdadeira esencia do fermoso e do poético.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *