Eu ó teu país fun brillar / e soltáchesme a noite para que me trabase (Lucía Aldao)

Lucía Aldao: “A saúde da poesía está mellor ca nunca”

O pasado mes de marzo conversamos coa escritora Lucía Aldao, a quen lle dedicamos este ano o Día da Poesía no noso centro.

Por: Alba Suárez e Noemí Maroño

Por segundo ano consecutivo, no colexio dedicamos o Día da Poesía a unha poeta galega. Neste caso a escollida foi Lucía Aldao, que nos visitou no centro e respondeu amablemente ás nosas preguntas.

Cando comenzaches a escribir?

Escribo desde moi, moi pequeniña, entón tampouco teño unha data moi clara. Teño unha clara que é na que decidín que quería escribir moitos anos máis. Foi estudando sexto de EXB, o que vén sendo o sexto de primaria voso. Unha profe de galego moi querida por min nos mandou de deberes que escribísemos unha historia, que contásemos un conto inventado por nós. Foi a primeira vez que fixen tal cousa e recordo que o pasara tan guai escribindo ese conto e que á xente da miña clase, ás miñas colegas e á miña profe lles molara tanto, que dixen “Guau! Como mola escribir e como mola que lle guste á peña!” Foi aí cando decidín que ía botar o resto da vida escribindo e, se teño que poñer unha data, poño esa de sexto pero, en realidade, xa escribía antes.

Como coñeciches a María Aldao?

Buf!… A María coñecina hai vinte e un anos, cando ocorreu o do petroleiro Prestige. Foi un petroleiro que afundiu na costa galega. Cando os telexornais de todo o mundo empezaban a anunciar que había un petroleiro que igual encallaba na costa, naquel momento María e mais eu estabamos as dúas nun congreso de escritoras en Mondoñedo e fixémonos amigas ese mesmo día. María e eu si que temos un aniversario clarísimo, que é cando saían noticias do Prestige en todos os telexornais.

Como decidistes traballar xuntas?

A razón é moi guai, porque María e mais eu recitamos e escribimos desde moi novas, e temos unha cousa moi fresca e divertida, pero os recitais de poesía parecíannos un auténtico aburrimento. Entón, diciamos: temos colegas que xogan ao fútbol e ningún di “Mola mogollón o fútbol pero pásoo fatal nos partidos ou nos adestramentos”. O que che gusta, desfrútalo. Nos diciamos: “Gústanos moito a poesía, gústanos escribir e recitar, pero os recitais son un aburrimento”. Entón, decidimos xuntarnos, porque nos mola a mesma historia, facer un recital de poesía, pero superdivertido. Xuntámonos por gana de seguir facendo do noso en contra do que xa había, que era aburrido. En vez de facer outra cousa e cambiar de póla, fixemos o noso pero cambiando o formato, facéndoo accesible, divertido, fresco.

Desde que comenzaches a escribir ata agora, houbo algunha evolución na túa poesía?

Si, claro, porque como eu empecei a escribir tan, tan nova, recordo eses primeiros textos de adolescente, dos que moita xente se avergoña. Neses onde falas do amor como unha cousa superdramática e terrible, pero realmente son aos que máis cariño lles teño, é máis, creo que escribía mellor de nova que de vella, porque cando che gusta moito escribir e tes esa frescura, ese desprexuízo de ser nova, os textos adoitan ser moi auténticos e honestos. Son textos que eu os vexo con moito, moito cariño, como dicíndolle a esa adolescente que fun “Tía que ben o fixeches, ti pensabas que estabas facendo unha merda e fixéchelo guai”. Nótase que son meus, se les os dos quince anos e os dos trinta e cinco, pero claro que hai unha evolución, tamén menos mal!

“Aínda que a poesía foi sempre de público minoritario, sempre tivo o seu público”

LucÍa Aldao

Cal é o teu poema favorito de todos os que escribiches?

O meu poema favorito… Nunca me fixeran esa pregunta. Pois mira, hai un dos dezanove anos que sempre digo que é a miña idade favorita e o meu número favorito. É un poema supertriste pero tamén ten toques moi divertidos; chámase “Enfermizo”, e escolleríao polo cariño que lle teño, polas vivencias que fixeron que eu me sentase a escribir ese poema. Quedo con ese, con “Enfermizo”, dos dezanove anos.

E tes algún ou algunha poeta favorita?

Teño moitísmas. É como se che preguntan cal é a túa comida favorita: diríache que non podo decidirme, porque imaxino as lentellas, que me encantan, pero logo imaxínome comendo lentellas todos os días e morro da pena. Flípanme mogollón de poetas, sobre todo poetas mulleres, como Lupe Gómez, que tamén é de aquí de cerca e paréceme unha marabilla; logo tamén hai unha muller arxentina de orixe italiana que se chama Juana Viñoz; María Lado, a miña compañeira, é das mellores poetas do mundo, para min; pero, claro, non podo quedar só con unha. Aínda que con María quedaría todos os días, a verdade, porque é a miña amiga tamén. Pero necesito variedade, a poesía é coma a música, hai tantas clases e tan variadas que un día apetecéche unha e outro día, outra.

Que tipo de estudante eras no instituto?

No cole era brillante, e no instituto xa me contaminei un pouco. Saín do cole con todo sobresalientes e pensando que o instituto ía ser a mesma cousa, pero recordo que na primeira avaliación cargara con catro; para min fora tal sensación de fracaso, de derrota, que non cheguei a remontar de todo. Era moi desigual, nas literaturas e nas linguas tiña sobresalientes e latín suspendía, por exemplo. Ao mellor estaba eu medio amargada, porque ás veces a peña na adolescencia está contenta, é normal, e outras está amargada. A min tocoume unha adolescencia un pouco amargada, e custábame estudar, pero finalmente repetín COU, ou sexa, o voso segundo de Bacharelato. Logo xa me puxen máis contenta, empecei a facer o que me gustaba e xa me foi mellor todo, a verdade.

Que outras afeccións tes, á parte da música e a poesía?

Gústame moitísimo cociñar, de feito, a min gustoume sempre escribir, pero tamén me gustou sempre cociñar. O que pasa é que tamén escolles o que podes facer e se che dá mellor, ou onde te vai colocando a vida. A gastronomía é algo que me fai bastante feliz, a verdade, mólame moito; cociño todos os días sen ningunha preguiza. É como un momento de relax; por fin podo parar de traballar para poñerme a cociñar.

Para rematar, como ves a situación actual da poesía?

A poesía, aínda que sempre foi de público minoritario, que non tiña moita xente seguidora, sempre tivo o seu público, tanto xente que a le como que a vai a ver en directo. Xente que a vén ver en formatos parecidos aos nosos, pero a poesía, como todo nesta vida, tamén atende a modas. Agora, por exemplo, hai poetas que teñen éxito, e que chegan a moita xente, como Pompa Boato, Lúa Mosquetera, Elvira Sastre, que son persoas que enchen estadios recitando a súa poesía. Entendo que a saúde da poesía está mellor ca nunca, por un lado, porque por fin entrou dentro da moda e hai poetas que están metendo a dúas mil persoas nunha sala; pero noutro lado esta é un tipo de lectura que esixe un esforzo maior, a lectura dun poema esixe máis predisposición que para ler un conto.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *