Eu ó teu país fun brillar / e soltáchesme a noite para que me trabase (Lucía Aldao)

Máis da metade do alumnado do CPI de Xanceda que presenciou situacións de acoso escolar non soubo como actuar

Unha enquisa levada a cabo entre o alumnado revela como reaccionan ante situacións de acoso escolar.

Por: Estela Couselo, Adriana García, Sofía Rico, Sara Sanjurjo e Sabela Varela

A enquisa fíxoselle a un total de 85 alumnas e alumnos: 39 de 5º e 6º cursos de E. Primaria e 46 de todos os cursos da ESO.

Entre o alumnado participante no cuestionario, obsérvase que un 20% nalgún momento da súa permanencia no centro sufriu acoso escolar, mentres que a maioría, 0 80%, afirma o contrario.

Entre as vítimas, un 53% decidiron non contarllo a ninguén, mentres que o 47% si decidiron poñelo en coñecemento doutras persoas.

Respecto ás razóns polas que aqueles alumnos ou alumnas que sufriron acoso decidiron non contarllo a ninguén, hai respostas variadas: o 8% sentiron medo das consecuencias que puidese ter o feito de contalo; o 34% non lle deron a suficiente importancia e outros, o 8%, apuntan a outras causas. Pero o que máis chama a atención é que o 50% non soubesen que facer ante esa situación.

Destaca o feito de que un número considerable do alumnado que respondeu ás preguntas desta enquisa, o 41%, afirma que presenciou algunha situación de acoso escolar. Porén, nunha gran maioría dos casos, decidiron non actuar e comportarse unicamente como espectadores ou espectadoras.

Polo que se refire aos lugares onde sucede o acoso, o 79% do alumnado participante nesta enquisa afirma que onde se producen máis estes feitos é nos espazos ocupados durante o recreo, seguido do transporte escolar e, por útimo, os aseos. Destaca o feito de que ningún alumno ou alumna apuntase que se produce acoso tamén fóra da escola.

Á pregunta sobre se participaron activamente, só o 3,4% recoñecen ter acosado algún compañeiro ou compañeira. En canto aos motivos que alegan quen acosaron para explicar a súa actitude, responden maioritariamente, o 67%, que se debeu a que os estaban molestando e, en menor medida, o 33%, a que simplemente lles apeteceu.

1 Comment

  • Filomena

    Paréceme un artigo moi interesante. E é unha análise moi necesaria para poder evitar situacións de acoso na vosa escola.
    Da análise dos datos pódese concluír que unha maior ou mellor vixiancia nos recreos e unha pequena formación sobre como actuar ante unha situación de acoso podería mellorar moito a convivencia…

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *