Eu ó teu país fun brillar / e soltáchesme a noite para que me trabase (Lucía Aldao)

Mariano Iglesias Castro, alcalde de Mesía: “O concello sempre estará en contra da implantación dos eólicos, aínda que creamos nas enerxías renovables”

Desprazámonos á Casa do Concello de Mesía para entrevistar e coñecer un pouco máis a fondo ó actual alcalde , Mariano Iglesias Castro, que desempeña o cargo desde 2007.

Por: Rodrigo Cao e Pablo López

Ten vostede pensado volver a presentarse ás eleccións municipais?

Coido que iso non depende só de min, depende do feito de que os meus compañeiros de grupo consideren que sigo sendo a persoa axeitada e, se a saúde me acompaña, probablemente me presente.

Unha das maiores preocupacións da veciñanza deste concello e de concellos limítrofes é o parque eólico que se quere implantar en parte do noso municipio. Que opina vostede respecto a este tema?

O concello sempre estivo, está e estará en contra da implantación dos eólicos no noso concello, non porque non crea nas enerxías renovables, non porque non considere que sexan necesarios, pero si porque consideramos que non é o sitio axeitado para implantalos. Somos un concello tremendamente agrícola, gandeiro, cun gran potencial en ámbolos dous sectores e cremos que os eólicos non aportarían nada máis que a destrución do noso modo de vida socioeconómico e da nosa paisaxe. Entón, sempre nos manifestamos en contra, seguirémonos opoñendo con todas as medidas legais que estean ao noso alcance. Pero ben é verdade que non é unha decisión municipal, senón supramunicipal, que é a Xunta, en última instancia, quen ten a potestade de autorizar a súa implantación ou non.

Antes de chegar á alcaldía, cales eran os seus ideais políticos?

Supoño que os meus ideais políticos eran os mesmos que os que seguen a ser; presumo de ser unha persoa moderada, de centro… un socialdemócrata.

A que político admira ou lle gustaría coñecer?

Na política, agora mesmo, políticos de referencia, posiblemente andemos escasos deles.Si que tiven o gusto de coñecer e tratar persoalmente tanto o que hoxe en día é presidente do Goberno, Pedro Sánchez, que incluso nos visitou aquí, en Mesía, como o primeiro líder da oposición, Alberto Núñez Feijóo, o cal foi durante anos presidente da Xunta de Galicia.Como referencia política boto de menos aqueles políticos moderados da transición. Hoxe creo que hai máis crispación no ambiente político, por desgraza, que medidas resolutivas que melloren a nosa vida diaria.Se algún teño como referencia, presumiblemente sexan os primeiros presidentes da democracia: Adolfo Suárez, Felipe González…

Por que decidiu optar á alcaldía no concello de Mesía e non no de Frades, de onde temos entendido que é vostede nativo?

Optei a Mesía porque cando eu optei á alcadía de Mesía xa non residía en Frades. Eu son orixinario e nativo do concello de Frades, pero a miña dona é natural de Mesía. Entón, unha vez que nos casamos, transcorridos catro anos que vivimos no concello de Curtis, instalámonos e fixemos a nosa casa en Mesía e é en Mesia onde teño formada a miña vida familiar, onde naceron os meus fillos, onde vivimos e, por unha casualidade da vida, como estaba aquí, presenteime aquí.

Para coñecelo persoalmente, deixando de lado a su faceta política, que afeccións ten vostede?

Gústame a caza, gústame moito socializar cos meus amigos e compañeiros, unha boa partida de cartas, gústame moito conversar, e tampouco me queda tempo para moitas máis.

Os autores da entrevista conversan con Mariano Iglesias na Casa do Concello.

Sacaba boas notas na súa etapa escolar?

Coido que sacaba mellores notas eu que os meus fillos; aplicábame un pouco máis e tiñamos outro concepto do esforzo e outras ansias e proxeccións que hoxe, dada a vida cómoda que se leva, pois se anhelan menos.

Con que alcalde da zona se leva mellor e con cal peor?

Mal, procuro non levarme con ningún. Coido que con todos teño unha relación, cando menos, que se pode tachar de cordialidade. No ámbito institucional, presumo de ter boa relación cos alcaldes que me rodean e, despois, si que é verdade que con algúns sempre hai algún tipo de afinidade porque se empatiza un pouco máis por unha cuestión ou outra. Eu quedaríame co feito de que presumo de non levarme mal con ningún; teño relación con todos e todos son boas persoas.

Cando e por que se lle ocorreu presentarse á alcaldía?

Eu entrei en política no ano 2000 na corporación municipal, de concelleiro, acompañando os compañeiros nunha lista que se formou de independientes. Despois, no ano 2007, dado que a persoa que desde o ano 2003 ao 2007 fora alcalde non se ía volver presentar, os meus compañeiros consideraron, dunha maneira máis ou menos acertada, que a persoa idónea para levalo sería eu, e por esa casualidade, non foi algo que eu persoalmente buscara nin perseguira en momento algún.

”Sería o meu maior agrado o feito de que se xuntaran ambos equipos, e que no concello houbese un único equipo de fútbol que nos representara a todos”

Mariano iglesias

A xente nova de Mesía botamos en falta mellores instalacións para a práctica do deporte. De volver ser elixido alcalde, ten pensado levar a cabo algún proxecto neste sentido?

É totalmente lícito e razoable o feito de que todos teñamos a tendencia a querer máis e a querer mellores instalacións, pero coido que temos unhas instalacións cando menos aceptables.Temos tres pavillóns cubertos en uso, a un dos cales, o de Olas, se lle fixo hai pouco unha remodelación importantísima, na que se invertiron máis de 240.000 €; temos outro en Visantoña e outro en Xanceda; temos un campo de fútbol de herba artificial; temos outros dous de herba natural, un en Mesía e outro en Xanceda; temos as nosas pistas de tenis, e seguiremos, na medida en que poidamos e teñamos recursos, mellorando o que temos. Pero coido que temos unhas instalacións á altura de calquera concello que nos rodee, tomando como referencia as posibilidades que temos. Eu ,como alcalde, teño a obriga de administrar, e eso tamén leva implícito, moitas veces, priorizar as necesidades. Mellorar as nosas instalacións e seguir mellorándoas é un desexo, e seguro que unha necesidade, pero irá en función dos recursos que teñamos dispoñibles.

Por último, se vostede tivese que elixir un equipo do concello, con cal quedaría?

Eu, se me tivera que quedar cun equipo de fútbol única e exclusivamente do concello, teríao moi claro, quedaríame con un que resultara da fusión de ambos os dous. Sería o meu maior agrado o feito que se xuntaran e que no concello houbese un único equipo de fútbol que nos representara a todos, onde se poderían axudar ou aunar maior cantidade de esforzos. Pero eu son tremendamente respectuoso co traballo que fan as directivas dos dous equipos que temos. Mesía e Visantoña para min son igual de importantes. Na medida en que o concello ten recursos mira de apoialos os dous igual. Para min son merecedores dos meus respectos e, mentres eu sexa alcalde, apoiareinos o que poida e síntome igual de identificado cos dous.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *