Ao grupo de 2º da ESO do noso centro suxeríuselle a lectura do libro “Identidade” de Nee Barros e, a raíz disto, puidemos ter a marabillosa oportunidade de entrevistar o escritore desta obra de teatro centrada en atoparte a ti mesme.
Por: Sabela Martínez, Claudia Rodríguez e Juan Cao
Nee Barros identifícase co pronome neutro elu (aínda que non lle importa que o identifiquen co masculino) e, en canto lle preguntamos iso, elu interesouse ao instante en saber os nosos para que a entrevista fose o máis cómoda posible.
Pódesnos falar un pouco sobre os pronomes neutros en galego?
Basicamente, en galego estamos intentando propor a forma elu para o pronome neutro. Intentamos crear unha semellanza formal co resto de pronomes para que se pareza ao el e ao ela, pero que tamén sexa neutro, e realmente o -u era a única vogal que nos quedaba libre. Despois, as terminacións que se farían con ese pronome son as terminacións en -e. Se vos fixades, tradicionalmente no galego as palabras rematan en -a en -o ou en -e, Temos palabras, como poden ser guapo, guapa ou rematadas en -e como intelixente; palabras acabadas en -u normalmente só son palabras que veñen doutras linguas como, por exemplo, iglú ou tabú, pero son palabras moito máis raras. Entón, o acabar en -e, é unha forma que sae moito máis natural; a pesar de ser todo isto unha forma creada, esta é unha forma que nos resulta moito máis natural, e tamén hai que dicir que en galego é unha forma que se está a aceptar cada vez máis. Hai libros, e non só Identidade, que empregan este pronome. Hai xente dentro da Real Academia Galega que nalgún artigo, nalgún xornal, empregaron formas neutras. Entón temos a sorte de que, na Galiza polo menos, está sendo máis aceptado.
Poderías falarnos dos temos non binario e xénero fluído?
O termo non binario é un temo que me gusta definilo como un termo paraugas, é dicir, non é como un terceiro xénero. Normalmente pensamos en home ou muller como caixas fechadas que cada unha ten uns estereotipos, un xeito de comportarse… e o xénero non binario é outro xeito de identificarse, pero non é unha terceira caixa, como un espectro moi grande, dentro do cal pode haber etiquetas máis pequenas que poidan servir a diferentes persoas para definir a súa identidade ata un punto máis concreto. Por exemplo, eu si que me identifico como unha persoa non binaria, pero quedo aí, quero dicir, eu non sinto necesidade de definirme con etiquetas que son máis pequenas, pero hai outra xente que si, e non está mal que sintan esa necesidade. Entón, hai xente que se define, por exemplo, como unha persoa de xénero fluído, que empregan ese termo, esa ferramenta, para definir que a súa identidade de xénero vai variando co paso do tempo; se cadra hai días nos que se senten mellor se son recoñecides dun xeito máis feminino ou dun xeito máis masculino, e con isto non quero referirme só aos roles de xénero; non é poñer un pantalón un día e unha saia outro, senón que sentes que a túa identidade de xénero, como te sentes mellor, vai variando.
Para ti cal é a diferenza entre xénero e sexo?
Eu penso que tanto o sexo como o xénero son dous construtos sociais. Que quere dicir isto dos construtos sociais? Que son xeitos que temos de clasificar a xente, aínda que a realidade sexa moito máis diversa. A min gústame poñer o exemplo da música: nós, na música, sabemos aquí, en Europa, que existe unha escala musical que consiste nunhas notas, pero realmente na natureza, as árbores, cando o vento fai ruído nelas, non están facendo unha nota concreta; onde acaba o do e onde comeza o re é unha fronteira que poñemos nós. O xénero é máis ou menos o mesmo: o xeito que temos de clasificar a todo o mundo. Isto estamos aprendendo a rompelo e estamos aprendendo que hai vivencias fóra diso. Incluso noutras sociedades estas vivencias son algo tradicional e algo que existe de toda a vida, por exemplo, na India, non teñen só dous xéneros tradicionalmente, ou o mesmo nalgunhas partes de América.
Que opinas de que a xente nova sexa ignorada cando non se atopan a gusto co seu sexo ou xénero determinados, e se lles di que é só unha etapa?
Eu penso que aquí entran en xogo moitas cousas, pero, en especial, unha que se denomina adultismo, é dicir, pensar que as persoas máis vellas teñen máis capacidade de opinión por ter máis idade, cando isto non é así. Cada persoa ten unha visión diferente, e eu podo aprender moito de vós e vós de min; podemos aprender dunha persoa maior, pero todos eses puntos de vista poden achegar algo.
Tamén me parece que hai moito medo ao que se denomina como “etapas”. Eu, ao principio, si que saín do armario como home trans, porque era a etiqueta que coñecía e o que máis me servía para explicar a miña realidade. Co paso do tempo, descubrín o que eran as identidades de xénero non binario e pensei: “Anda, pois isto paréceme mellor ferramenta para explicar o que son”. Para min ser un home trans foi unha etapa? Non, simplemente me atopei con novos xeitos de definirme e coñecerme. Tampouco está mal equivocarse; ao final, todo na nosa vida son etapas nas que nos imos descubrindo. Por que nos dá tanto medo equivocarnos?
Entrando no tema da literatura, cal dirías ti que foi a razón que fixo que te dedicases a escribir?
Penso que todo o mundo temos as nosas vías de escape das cousas que nos acontecen. Os nosos hobbies, as nosas paixóns… A min gústame moito botar por fóra escribindo, iso foi algo que me axudou moito ao longo de toda a miña vida, e así foi como acabei escribindo. Hai outra xente que debuxa, ou crea guións de filmes, videoxogos… que despois de todo tamén son unha arte.
Foi difícil comezar neste mundo da literatura?
Eu penso que tiven moita sorte. Dende crianza escribía, e na Galiza hai moitos concursos literarios e moitas oportunidades. Polo xeral, a través de presentarme a concursos, gañar algúns e perder outros, fun coñecendo moita xente que me animaba a seguir escribindo. Pasabamos os textos entre nós para darnos opinións e consellos mutuamente. Así coñecín os cursos de escritura e asistín a algún da Editorial Galaxia. Ao final todo é un pouco escribir o que un quere e co que se sente ben. Tamén tiven a sorte de que enviei o texto de Identidade, que en principio non se ía publicar, a esta editorial, e foi cando me preguntaron se o quería publicar. Foi o primeiro texto longo que escribira, tiña 14 anos e simplemente quería unha opinión profesional para saber en que podería mellorar.
Aínda que o proceso de publicación foi longo, agora vós estádelo lendo e está sendo levado a institutos. Se o libro fose publicado un pouco antes, ao mellor non tería todo este percorrido, porque tamén houbo xente detrás que escribiu libros sobre a realidade trans, aínda que non o fosen, por exemplo: Eva Mejuto con 22 Segundos; María Reimóndez, Fóra do Normal; Iria Misa, Mamá quero ser Ziggy Stardust, etc. Iso tamén axudou a que Identidade fose visto.
Por que decidiches crear Identidade?
Como xa dixen, son unha persoa trans e de xénero non binario e, cando saín do armario como home trans, foi un proceso difícil. En 2017 as persoas trans non estaban tan visibilizadas. Así como a min me custou atopar o que era ser unha persoa trans e identificarme con iso, a moita xente do meu contorno tamén lle custou entender o que significaba; asociaban esta situación a algo malo ou tiñan esa visión dun estereotipo andante con homes trans moi masculinos que se queren operar e hormonar, xogan ao fútbol… Eu non encaixaba nese estereotipo.
Así foi como empecei a botar por fóra escribindo e, neste caso, unha obra de teatro que precisamente foi teatro porque eu ía a clases deste tipo de lectura e o profe que tiña era escritor deste tipo de literatura, e animoume a crear unha obra teatral inspirada nun ámbito máis persoal. O teatro é unha boa maneira de xogar coa nosa identidade e un xeito moi útil de chegar a moito público diferente. Esta xuntanza de cousas fixeron que me decidise, e así saíu Identidade.
Gustaríache que o teu libro se representase nalgún escenario?
A min encantaríame, porque penso que o teatro é algo que nace para ser representado, para ser algo vivo. Eu penso que o libro está vivo cando a xente o le e saca as súas propias conclusións e interpretacións, pero tamén está vivo cando se representa.
Ti cres que o Día do Orgullo debería ser celebrado e reivindicado nos colexios?
Eu creo que si que é necesario; así habería máis diversidade e mellor educación nos colexios.
Cal e a túa personaxe favorita do libro Identidade?
En concreto, téñolles cariño a todos os personaxes que escribín, menos á directora e aos compañeiros. Se lestes o libro, comprenderédelo, pero si que é verdade que lle teño moito cariño ao personaxe de Dani.