Nuria Garaboa Carro é unha muller de 35 anos de Visantoña que traballa na Casa Grande de Xanceda, na cal se atopa moi cómoda e feliz, e onde desempeña o posto de responsable de Calidade e I+D+I (investigación + desenvolvemento + innovación).
Por Diana Grobas, Alba Carro e Jennifer López
En que consiste exactamente o teu traballo?
Eu encárgome do control de calidade de todos os produtos de marca Casa Grande de Xanceda. Para iso, hai que controlar o proceso de fabricación de principio a fin, é dicir, as materias primas necesarias (leite, marmeladas, fermentos..), o proceso de fabricación e o produto final cos seus correspondentes controis analíticos.
No apartado de I+D+i ocúpome dos novos produtos, dende a busca de tendencias de mercado ou ideas até o seu desenvolvemento, primeiro a nivel laboratorio e despois a nivel industrial. Por exemplo, se hai algo que está sendo ou vai ser tendencia no mercado (como foi o caso do quefir) empezamos a traballar en como o poderiamos facer na nosa industria e se interesaría o seu lanzamento ó mercado.
Despois diso, fanse moitas probas de laboratorio até dar cunha receita que nos guste. Unha vez obtida, probamos a escala industrial, xa na fábrica, a ver se podemos reproducila. Se todo sae ben, aproveitamos as visitas á granxa para facer catas e recoller opinións do produto. Con todo iso pódese preparar o seu lanzamento ao mercado.
Falaches dunha bolsa ao finalizar os estudos. Que estudos cursaches?
Estudei Licenciatura Química. Tras finalizala estiven un ano intentando optar a un emprego, facendo algún curso e demais. Nese ano non me xurdiu nada e decidín facer o máster de Innovación en Seguridade e Tecnoloxía Alimentaria, xa que sempre me gustou o mundo da alimentación e as análises de alimentos. Nese máster tiña prácticas que tentei facer en Casa Grande de Xanceda, pero non había convenio. Esas prácticas xa as fixen noutra industria láctea, Feiraco, moito máis grande e sen nada que ver en canto ao xeito de fabricación. Sempre me interesou o mundo do lácteo, xa que na nosa zona é o principal motor da economía.
Consideras que desempeñas un traballo acorde co que estudaches?
Por suposto que si, aínda que o meu posto é moito máis que o laboratorio, está totalmente relacionado co máster e moito coa carreira.
Entón, pódese dicir que atopaches a saída para a túa formación onde vivías, sen necesidade de irte fóra?
Totalmente. Atopei a saída, pero porque a busquei tamén. Considero que cando estudas hai que diversificar e non cerrarte a outras vías, como facer un máster ou outra formación que che permita optar a máis posibilidades. Recoñezo que a min o que me abriu as portas foi o máster e as prácticas do mesmo.Tamén tiven dúas bolsas antes de ter o primeiro posto de traballo, unha nunha consultoría de calidade e outra xa en Casa Grande. Dese xeito, puiden coller experiencia e demostrar a miña capacidade como traballadora.
Para rematar, gústache o teu traballo e veste toda a vida no mesmo?
A verdade é que podo dicir que me encanta o que fago e ao que me dedico. Como todos os postos de traballo, ten partes máis bonitas, por así dicilo, e outras máis duras. Loxicamente, se hai un problema de produción ou calidade de produto, a tensión e a responsabilidade é moita. Aínda así, compensa ver cada día un excelente produto no mercado no que ti tes gran parte de culpa. Non me importaría seguir neste traballo, a día de hoxe, para sempre.
A “aventura ecolóxica” da Casa Grande de Xanceda é dos mellores proxectos que xurdiron no país nestas últimas décadas, noraboa por ese traballo tan ben feito!
E moitos parabéns tamén ao equipo de Prensamos. Longa vida a este xornal! e non deixedes de alimentalo!!