Dende o 2021, no CPI de Xanceda homenaxéase unha poeta galega no Día da Poesía. A primeira homenaxeada foi Luz Fandiño, seguiuna Lucía Aldao e o pasado 16 de abril veu ao noso centro Nuria Vil.
Nuria Vil cos alumnos e alumnas da ESO.
Por: Sara Martínez Quindimil
Nuria Vil acudiu a Xanceda para ler un pouco dos seus poemas aos rapaces e rapazas do centro. Comezou polo grupo de primaira e seguiu co da ESO para falarnos un pouco sobre como son as súas creacións e como desenvolve o seu día a día sendo poeta. Ademais, tivemos a sorte de poder entrevistala; deixamos aquí as súas respostas:
Cal foi o teu primeiro encontro coa poesía? Antes de adicarte á poesía desenvolvías algún outro oficio?
Pois sempre me gustou a poesía, aínda que non a entendía e non tiña referentes nin coñecía autoras próximas… Ao comezar na universidade descubrín a poesía dos anos 80 e máis autoras en galego e iso mudou a miña forma de escribir.Agora mesmo podo dicir que a vivo e que me dedico á poesía de moitas formas (a través de obradoiros, libros, recitais, proxectos musicais…), pero isto é así de forma puntual. Traballei como monitora de ocio e tempo libre, en vodas, bautizos e comuñóns, en campamentos de verán, como azafata en eventos, limpando baños e locais…
Foi difícil para ti poder vivir economicamente da poesía?
Si, moito. Segue a selo. Como vos comentaba arriba. A poesía escrita a min persoalmente non me mantén, pero é o que máis valora a xente. A escrita ten prestixio… Economicamente mantéñome sobre todo de actuacións e obradoiros.
Nos teus poemas adoitas expresar como te sentes ou prefires describir o que observas? (ou ambas)
Diría que ambas… O meu sentir vai da man coa capacidade de poder observar o meu arredor. Cando non son quen de observar, aí comezo a sentirme mal, a meterme moi dentro de min en lugares que me fan infeliz e incapaz de conectar.
Tomaches algún ou algunha poeta como referencia ao longo da túa carreira poética? En caso afirmativo, quen e por que?
Si… Ata hai moi pouco tan só tiña referentes masculinos con quen realmente non me sentía identificade e tampouco me axudaban a verme a min mesme como poeta. Sobre todo lía Manoel Antonio, Lois Pereiro, Ánxel Fole, Cunqueiro… Despois grazas a profes da universidade, sobre todo, descubrín autoras contemporáneas e a día hoxe teño como referentes a autoras que xa morreron, pero sobre todo a autoras vivas: Eli Ríos, Xela Arias, Luísa Villalta, Xohana Torres, Silvia Penas, Beatriz Maceda, María Reimóndez, Andrea Nunes, Begoña Caamaño… É complicado dar nomes porque sempre quedan atrás moitas.
Utilizas os problemas da sociedade para dar forma aos teus poemas? Empregas a túa poesía como medio de comunicación para combatelos?
Non creo que un poema poida combater as inxustizas, pero quizais si facer visibles algúns malestares e sobre todo axudarme a vivir de forma máis digna e cómoda; en moitas ocasións sufrín bullying por parte de compañeiras e compañeiros e expresarme de forma artística axúdame a atopar a miña propia voz e o meu propio oco no mundo. Non só escribo poesía, tamén escribo relatos.
Como seleccionas os temas da túa poesía?
Non teño claro se eu selecciono os temas ou se simplemente despois de observar hai cousas que chegan a min. Esta é unha pregunta complicada. Agás nalgúns casos concretos, non tomo decisións moi sisudas, simplemente sigo intuicións e intento ser consciente dos meus privilexios ao escribir e ocupar os espazos. Eu non son cis nin hetero, pero si son unha persoa branca, europea e nacín cun DNI, con papeis, sen facer ningún esforzo… Atender a estas cousas é algo que me fai ser consciente e valorar máis o que teño.
Que consello lle darías a un ou unha poeta principiante?
Non me gusta moito dar consellos, pero… Que lea moito, que vaia a todos os recitais que poida, que escriba moito… Que se trabuque. E que se aburra! Hai libros que son aburridísimos para unhas persoas e para outras non… Está ben darnos a oportunidade de equivocarnos e de ler cousas que nos atraian máis ou menos.
Para ti, que ou como sería triunfar a nivel mundial como poeta?
Triunfar a nivel mundial sería poder ter unha casiña pretio de meu pai e miña nai, con moi pouquiño ruído dos coches e o mar moi cerca.
Sempre tiveches en mente que querías ser poeta ou xurdiu a medida que fuches madurando?
Non sei eu se a poesía veu de madurar ou de facer moito a pallasa… Que igual madurar é facer moito a pallasa de por vida, ollo! Hahaha Non sabía que podía ser escritora, de pequene sempre dicía que quería selo, pero en realidade non sabía que eu podía ser iso; tampouco que podía facer poesía nos escenarios… Non tiña referentes, non coñecía a ninguén así.
Como naceu o teu amor polos versos?
Supoño que cun chupachups na boca… Que así todo se fai máis lindo.
Que consello lle darías ao teu eu poeta do pasado? Pensas que sería o mesmo que hai un ano?
Non, claro que non son a mesma persoa nunca… Penso que non lle daría ningún consello. Os erros que cometemos lévannos a ser as persoas que somos. Á Nuria de hai anos diríalle: quérete moito, estás a facelo xenial 🙂.
Que preferirías, triunfar en vida pero que te esquezan cando chegue a túa morte, ou triunfar despois da morte e que o teu nome quede gravado nos libros de literatura para sempre?
A festa en vida, sempre! Que a desfrute eu! Que me quiten lo bailao!
Se a túa poesía fose un xénero musical, cal sería e por que?
Penso que cada poema é un xénero musical diferente… A primeira parte do meu libro Simún chámase “boto en falta ir de rave” e leva 2 xéneros de música experimental electrónica diferentes (dark drone e acid house); a última parte de Simún, “declaro deserto” soa como un saxo desafinado… De feito acabo de estrear unha peza na que eu mesme toco o saxofón e recito eses poemas. Deséxovos fillas poetas soa a punk e death metal… Nin todas as miñas formas de escribir son iguais nin todos os poemas son iguais, por iso encaixan en estilos e estados de ánimo diferentes.
Se tiveses que poñerlle un título á túa autobiografía cun dos teus poemas, con cal sería e por que?
Que complicado. Poríalle Simún, que é o título do meu poemario… O simún é un vento abrasador e pouco predicible que sopra nalgúns desertos.
Imaxina que queren facer unha película inspirada nun dos teus poemas, cal escollerías, por que e a quen escollerías para ser o protagonista?
Pois en lugar dun poema, escollería o relato “Bailar non é todo dar voltas” que escribín para a antoloxía Alguén nos lembrará (Xerais, 2023). E escollería de protagonista a miña nai, claro! Que é a quen lle dedico o relato.
Imaxina, créase a máquina do tempo e danche a oportunidade de transmitir un dos teus poemas a unha época da historia diferente á túa. Que poema escollerías, por que e a que época o mandarías?
Enviaría Super Carme a calquera intre do pasado no que miñas avoas e os meus avós puidesen escoitalo e botar unhas risadas.
Cal foi a metáfora máis extravagante ou graciosa que incluíches nun dos teus poemas?
Unha na que digo que rezo para pedir a morte dunha persoa… non sei se iso é unha metáfora, pero quedoume bastante intensa HAHA