Eu ó teu país fun brillar / e soltáchesme a noite para que me trabase (Lucía Aldao)

O alumnado do CPI de Xanceda realiza unha andaina o 25 de novembro para manifestar o seu rexeitamento á violencia machista.

No Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, alumnado e profesorado camiñaron ata a Casa do Concello, onde leron un manifesto.

Rapazas e rapaces de E. Infantil, Primaria e ESO coas súas pancartas.

Por: Yaiza Lareo Gómez e Sara Martínez Quindimil

No 25 de novembro, día no que se loita contra a violencia machista, no CPI de Xanceda realizouse unha andaina dende o instituto ata a Casa do Concello. Este evento comezou ás once da mañá, hora á que alumnado e profesorado saíron do centro. Ao chegar ao concello, preto das once e cuarto, as rapazas e rapaces de Educación Infantil e Primaria formaron a frase “Querémonos vivas” con grandes letras decoradas ao seu gusto. O alumnado da ESO fixo pancartas que contiñan frases como: “Se doe non é amor” , “Ninguén preguntou como vestía o agresor” ou “As miñas compañeiras non son cans, eu non lles asubío”, entre outras.

Alumnas e traballadoras do centro lendo manifestos para defender os dereitos da muller.

Despois de ensinar as pancartas, xa pasadas as once e media, léronse uns manifestos para defender os dereitos da muller e loitar contra a violencia machista. Nestas lecturas participaron vairas mulleres: Elena, profesora de Lingua Castelá e Literatura, Pilar, traballadora do Concello; Ana, cociñeira no colexio, e alumnas de distintos cursos do CPI de Xanceda: Leire e Paula de 6º de Primaria; Adriana, Sara, Estela e Sofía de 1º da ESO; Yaiza de 3º da ESO e Alba Sanjurjo de 4º da ESO. Estas rapazas leron textos referidos a situacións de machismo que, por desgraza, ocorren na realidade. O lema que resume a idea xeral do manifesto foi: “Camiñamos cara ao respecto.”

Cando rematou a lectura, xa chegando ás doce do mediodía, alumnado e profesorado volveron ao centro, onde os esperaba un concerto musical a cargo da banda “Stormy Trucks”, un grupo composto por tres integrantes, que ofreceron ao público os seus temas de rock and roll.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *