Por: Alba Carro e Martina Carro
Os alumnos/as de 3º e 4º da ESO do CPI de Xanceda levamos a cabo unha actividade sobre a Memoria Democrática, na que nos dedicamos a facerlles preguntas a persoas represaliadas ou que tiveran algunha historia que contarnos en relación coa ditadura franquista. O proxecto foi organizado por AGARESO e financiado polo Ministerio de Presidencia, Relacións coas Cortes e Memoria Democrática.
Unha vez feitas as entrevistas ás persoas informantes, creamos dous podcast, un en cada grupo, coa axuda de Verónica. Ela forma parte de AGARESO, unha asociación de xornalistas na que traballan polo cambio social en Galicia.
Neste proxecto, centrado no papel das mulleres da época, traballamos con persoas do concello de Mesía e arredores, que nos contaron numerosas historias.
Falamos con Verónica, integrante de AGARESO que coordinou o noso traballo no colexio, sobre este proxecto e isto foi o que nos contou.
1- Verónica, fálanos un pouco sobre AGARESO, como xurdiu a idea de creala?
Eu non estaba no momento de creación da asociación, mais coido que sería pola necesidade de contar cun organismo que tente transformar a sociedade por medio da comunicación social. Ademais, tamén dá resposta á necesidade de facer comunicación e formación de calidade dos profesionais do sector. Somos unha organización sen ánimo de lucro, formada por un colectivo de profesionais do mundo da comunicación en Galicia que cren no poder da comunicación como ferramenta de transformación social
2- Canto tempo leva en pé? Como se lle deu nome a esta asociación?
Creouse en maio de 2008 e o nome dá resposta á finalidade última da organización: comunicación para o cambio social. Antigamente a asociación era “Asociación galega de reporteiros sen fronteiras” e de aí veñen as siglas AGARESO.
3- Cal é a finalidade desta Asociación? Que tipo de proxectos se levan a cabo?
O seu principal obxectivo é utilizar as ferramentas de comunicación para conseguir a transformación social, principalmente a través de proxectos de cooperación internacional, educación para o cambio e acción social. AGARESO defínese como unha organización non gobernamental de desenvolvemento, laica, comprometida politicamente pero apartidista.Levamos a cabo proxectos orientados en tres liñas de traballo: por unha banda, proxectos de educación para o desenvolvemento, entre os que se podería incluír o programa de Memoria Democrática; por outro, acción social, tentando axudar e visibilizar colectivos que así o necesitan. Moitos destes proxectos fanse a través do voluntariado da organización. E, por último, Cooperación internacional en países como República Dominicana ou O Salvador.
4- De que trata este proxecto? Cal é a súa finalidade?
O proxecto de Memoria Democrática tenta crear materiais que documenten a represión sufrida polas mulleres durante a época da Guerra Civil e a posterior ditadura. Existe un gran descoñecemento sobre o que aconteceu nesa época en Galicia e particularmente sobre como o sufriron as mulleres. Por iso, cremos necesario incluír esta temática nas aulas, pois forma parte da nosa historia máis cercana pero non se trata en profundidade. A finalidade é fomentar o coñecemento sobre isto en idades temperás e contribuír á memoria democrática das mulleres.
5- Como xurdiu a idea para crear estes obradoiros sobre a memoria histórica?
O proxecto xurdiu tras percatarnos da necesidade de facer didáctica coa historia, de ofrecerlles aos alumnos e alumnas de secundaria ferramentas para que coñezan o noso pasado e aprendan dos erros cometidos para mellorar o futuro. Esta é unha das poucas opcións que hai ,xa que nestes momentos nas aulas contan con escasos contidos respecto a isto.
COMO PODEMOS OÍLO?
Podemos entrar nesta ligazón e podemos oílo gratuitamente. Esperemos que vos guste tanto como a nós facelo.
4º ESO:
https://go.ivoox.com/rf/88536801
3º ESO:
httphttps://go.ivoox.com/rf/88536162
O traballo foi coordinado pola Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social AGARESO, e nel participaron o Departamento de Xeografía e Historia, o Equipo de Dinamización da Lingua Galega, o Departamento de Lingua Galega e a Biblioteca Escolar.
Temos que agradecer a colaboración da profesora Loreto Reviejo, así como do Concello de Mesía, particularmente da responsable do Departamento de Cultura, Pilar Sánchez, e de Laura, monitora de actividades. Pero, ante todo, temos que dar as grazas a todas as persoas que participaron ofrecéndonos os seus valiosos testemuños.