Un xardín botánico específico para especies autóctonas galegas e que agora mesmo conta con 28 diferentes.
Por Sabela Martínez
Trátase dunha iniciativa xurdida no 2020 e subvencionada directamente como proxecto senlleiro por AGADER (Axencia Galega de Desenvolvemento Rural). A súa inauguración aínda non conta cunha data oficial pois, segundo Pilar Sánchez, concelleira de Cultura: “debemos ter paciencia e esperar a que as árbores estean o suficientemente desenvoltas para que se diferencien con máis facilidade”.
Estará ubicado no Pico de Cumbraos, cerca do depósito de auga da traída municipal. Este contorno tamén foi seleccionado para futuros proxectos divulgativos que se elaborarán no recinto do Arboretum, o cal tamén contarácun invernadoiro e unha caseta con mostras das diferentes madeiras e sementes das árbores que poderemos atopar alí.
Con este proxecto preténdese dar máis visibilidade á flora autóctona e outorgarlle importancia ao seu recoñecemento. “Dende o Concello quixemos crear outra alternativa visitable do noso municipio en sintonía co rural e co noso xeito de vida, ademais dun espazo que fale das nosas árbores” podemos ler na conta de Facebook do Concello de Mesía.