A borrasca Gérard provocou que a Xunta de Galicia activara unha alerta laranxa e se suspendera o transporte escolar na xornada de tarde.
Por: Alba Sanjurjo e Alba Suárez
O pasado martes 17 de xaneiro, ao amencer xa se vían claras mostras do temporal que acababa de comezar. A pesar de todo, durante a mañá, non houbo avisos de alerta laranxa na provincia da Coruña, nin cancelación do transporte escolar, polo que o alumnado acudiu ás clases coma se fose outro día calquera.
Houbo fortes choivas e correntes de vento durante a maior parte da mañá, por iso a Consellería de Educación decidiu que non habería transporte escolar de volta. A causa disto, entre as 10:30 e as 11:00, o profesorado enviou unha mensaxe por Abalar ás familias, onde comunicaban que se adiantaba o horario de comedor da ESO das 15:00 ás 13:30. Así, tamén notificaron que ás 14:15 algún membro das familias tería que vir recoller o alumnado.
No resto da tarde a borrasca foi empeorando cada vez máis. Ao chegar a noite comezou a xear, e logo a nevar. A pesar disto, a Xunta non activara ningunha alerta para o mércores 18 na provincia da Coruña, polo que en principio, sería un día normal de clase. Aínda así, boa parte do alumnado non asistiu ás aulas debido ao mal estado do tempo durante a madrugada e á presenza de xeada nas estradas.