Do 19 ao 24 de marzo, a rapazada de terceiro e cuarto curso da ESO do CPI de Xanceda tivemos a oportunidade de visitar a cidade británica de Londres e coñecer mellor a súa cultura e o seu idioma
Por: Juan Cao
O domingo dezanove de marzo, ás dez e media da mañá, tomaba voo o avión que nos levaría a unha viaxe inesquecible para todo o grupo, chea de experiencias, paseos pola cidade, visitas a monumentos e atraccións e viaxes en metro; pero, sobre todo, risas e diversión.
Chegamos á cidade e fomos directamente ao hotel para desfacer as maletas. Deseguido, achegámonos ao mercado de Candem para pasar a tarde e, á beiriña da noite, fomos a Piccadilly Circus, onde contemplamos as grandes pantallas cheas de cores e luces. Para rematar o día, ceamos en China Town, situado preto de alí.
O luns erguémonos cedo para poder atender ás clases de inglés nunha academia de idiomas; tiñamos algo de sono, o normal nestas viaxes, pero non deixamos que o esgotamento puidese con nós. Ao saírmos da academia, fomos de visita á zona de Westminster, onde se atopan as principais atraccións trurísticas: o Big Ben, Houses of Parliament, a Abadía de Westminster… Xa máis cara á tardiña, visitamos o Palacio de Buckingham. Co cansazo de ver e visitar, regresamos á residencia para repoñer forzas de cara ao día seguinte.
O martes pola mañá seguimos a mesma rutina do luns: levantámonos cedo para ir ás clases e pola tarde fixemos máis turismo. Desta vez fomos ao Museo de Historia Natural. Posteriormente, tomamos un dos típicos autobuses vermellos de dous pisos para ir ao barrio de Notting Hill e ao mercado de Portobello que, desafortunadamente, só abría os domingos.
O mércores fomos visitar un dos barrios máis modernos da cidade, a zona de negocios de Canary Wharf, onde atopamos edificios altos con centos de cristaleiras nas súas fachadas. Posteriormente, visitamos o encantador distrito de Greenwich, polo que pasa o meridiano homónimo.
O xoves, último día de turismo na cidade, tivemos unha tarde tranquila; vimos a Catedral de St. Paul e cruzamos o Tower Bridge. Por último, e para rematar a nosa estadía, á noitiña gozamos dunha xornada de compras en Oxford Circus.
O venres foi o noso último día; pola mañá, asistimos ás clases de inglés; pola tarde, fomos ao aeroporto para emprender a viaxe de volta e despedirnos da cidade cargados de momentos e recordos inesquecibles.