Eu ó teu país fun brillar / e soltáchesme a noite para que me trabase (Lucía Aldao)

Visita ás Fragas do Eume

O martes día 7 de maio o alumnado da ESO realizamos unha saída ás Fragas do Eume para facer unha ruta e visitar o mosteiro de San Xoán de Caaveiro.

A ponte e o mosteiro de Caaveiro, nas Fragas do Eume.

Por: Uxía Cernadas Pérez, Miguel González Cabana e Alba Sánchez García

Comezamos saíndo do colexio arredor das 10:00. Fomos en dous autobuses, nos cales íamos divididos por cursos: primeiro e segundo nun autobus e terceiro e cuarto noutro. Esta excursión foi organizada polo Departamento de Relixión polo que nos acompañou Marisé, profesora desa materia, e tamén viñeron connosco Sandra e Víctor, ambos os dous profesores de Xeografía e Historia.

A visita comezou nunha casa vendo un vídeo sobre as especies que podiamos encontrar pola zona. Entre elas encontrábanse xabarís, londras, corzos, etc. Durante a proxección do vídeo estivemos moi atentos e interesados.

Despois, visitamos o mosteiro de San Xoán de Caaveiro. Os restos máis antigos deste mosteiro son do século XII, destacando a igrexa, que se levanta sobre un montículo moi escarpado. Do templo queda en bo estado a cabeceira e a maior parte da nave. Tamén queda en pé un campanario de estilo barroco do século XVIII.

A continuación, comezamos as nosas rutas: unha de tres kilómetros, máis ou menos, e outra de seis. A andaina era dunha dificultade baixa e levounos arredor dunhas 3-4 horas. Percorremos camiños de terra e incluso fixemos algún treito por estrada. Durante a camiñada pasamos ao lado do río Eume.

Á hora de comer, paramos nun merendeiro onde había unha fonte que nos axudou a refrescarnos e onde comemos os bocadillos que nos deran no colexio. Ao rematar, continuamos coa ruta. Chegamos á escola arredor das 17:30, xa fóra do horario escolar, polo que nos tiveron que vir recoller as nosas familias.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *